12/11/12

PERICO, O CANGREXO

Contos da tía Rosario: Perico o Cangrexo
Nas vacacións, María e Xoán van á casa da tía Rosario, onda a praia. Ela cóntalles fermosos contos, como o que lles contou cando lle ensinaron un caldeiro no que meteran cangrexos e caracois. Faloulles de Perico, un cangrexo que vivía nunha poceira da praia a quen un día meteron nun caldeiro con outros peixiños e moluscos uns rapaces, que logo os deixaron abandonados nel. Como a auga estaba cada vez máis quente, algúns morreron e outros coma el salváronse grazas a que o caldeiro deu a volta. Ao día seguinte, Perico deixouse coller por outro neno e reprochoulle o mal que lle podía causar por máis que o rapaz dicía que só o quería ver. Entón comprendeu que non facía ben e volveuno á auga. Como acabaron facendo os sobriños da tía Rosario e os seus curmáns.
O libro inclúe un vocabulario e mais unha reseña pedagóxica na lapela, onde se expón o obxectivo de respecto aos maiores e aos seres vivos cos que a natureza nos agasalla.


Marcela e Patricia de 6º contáronnos o venres, 9 de novembro, este conto que nos encantou e do que tamén aprendemos que hai que deixar os peixes e outros animais das pozas con vida respectando o lugar onde viven.
Felicidades ás dúas por unha lectura tan bonita e con tanta soltura!

 
 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Aproveita esta xanela e cóntanos algo!