20/12/11

BO NADAL!


Disfrutemos das vacacións e carguemos as pilas para vir con forzas renovadas e aprender moito no novo ano!

30/11/11

José Luis Sampedro, premio das letras españolas 2011


O escritor, humanista e economista español José Luis Sampedro foi galardonado co Premio das Letras Españolas 2011, otorgado polo ministerio de cultura, en recoñecemento á súa traxectoria literaria e ao conxunto da súa obra. Este é o segundo premio máis prestixioso logo do Premio Planeta. O xurado destacou que o autor é un dos escritores vivos máis importantes da segunda mitade do século XX ademais dunha referencia intelectual e moral de primeira orde. O pensamento de Sampedro proxéctase sobre a natureza social da actualidade económica e os seus efectos sobre a realidade social na que se desenvolven. Defende que a economía debe ser máis humana, máis solidaria, capaz de contribuír ao desenvolvemento da dignidade dos pobos. Isto tamén se reflicte na súa obra na que destacan títulos como "La sonrisa etrusca", "Mientras la tierra gira", "La senda del drago", etc.

24/11/11

Lectura das nenas de 3º

O pasado venres foron as nenas de 3º, Alba, Susana e Raquel, as que participaron como lectoras voluntarias na lectura en voz alta dos recreos pero iso si... Estiveron axudadas por toda a súa clase! Unha montaxe estupenda para lernos "Si tienes un papá mago" de Gabriela Keselman. Aquí vos deixo as fotos da sesión. O número de asistentes como público tamén foi moi alto.

17/11/11

A páxina web do cole


Moitos de vós xa sabedes que levamos tempo organizando a páxina web do cole. Agora xa empeza a ter moitas cousas. Nela podedes consultar documentos do centro, acceder ás publicacións on-line, ler recomendacións de lectura, consultar novas de actualidade... E agora tamén podedes ver as fotos das diferentes actividades que imos celebrando no cole. Non tedes máis que ir á galería e dende alí acceder ás diferentes conmemoracións, visitas, etc.
Animádevos a visitala e convertela nunha ferramenta habitual de consulta do centro!

14/11/11

Lectura das nenas de 2º

Aquí vos deixo as fotos da lectura do pasado venres. Foron Laura, Eila, Natalia e Daniela que nos leron "Os tres porquiños". Unha vez máis, a actividade foi un éxito total.
Felicidades, lectoras!!

03/11/11

II Día da Ciencia en galego


Por segundo ano consecutivo celébrase o Día da Ciencia en galego. O noso cole xa participou o curso pasado (recordades o día das cometas?) e volve facelo este ano. Son moitas as celebracións que se nos acumulan pero ben podemos con todo! Este ano o día está adicado á química xa que estamos no ano internacional da química e tamén no centenario do nobel de Marie Curie. Outra das mulleres homenaxeadas nesta ocasión é Mª Josefa Wonenburger. Sabedes que esta última era veciña de Oleiros?
Para conmemorar o día todas as aulas están a preparar varios experimentos que amosarán aos seus compañeiros e compañeiras do cole.
Se queredes máis información navegade polos enlaces.
Tamén podedes ir á wiki de proxectos da biblio onde atoparedes varias páxinas con posibles experimentos e información.
Que vos parece o programa?

02/11/11

Samaín no cole

O venres pasado tivemos ocasión de celebrar o samaín no noso cole, que ben o pasamos! A exposición cada ano ten máis participantes e quedou terrorífica. Todos os cursos o pasaron estupendamente visitándoa e tamén nos contacontos que fixeron moitas das profes. Aquí vos deixamos unha mostriña das fotos da exposición. Pouco a pouco iremos colgándoas na páxina web do cole.
E a vós... Que vos pareceu o día?
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Create your own free slideshow design

27/10/11

Samaín, samaín!

Xa estamos a voltas un ano máis co Samaín! Nestes días tan de outono no noso colexio andamos a tolear: que se as cabazas, que se as guirnaldas, que se preparar os contacontos... Os nenos e nenas, os profes, as familias... Non paramos nin un momento para que o venres todo estea perfecto.
Xa están chegando as cabazas preparadas na casa ao colexio e hainas verdaderamente fantásticas! Non estades nerviosos? Cal será a máis terrorífica? A máis grande? A máis pequena? A máis orixinal?...
Pero a exposición de cabazas non é o único que faremos mañá, tamén teremos contacontos, fotos... Un chea de actividades para comezar o outono! Recordade que na wiki de proxectos da biblio podedes atopar moitos recursos para traballar na aula.

SAMAÍN from bibliocole on Vimeo.

24/10/11

Éxito da lectura en voz alta!


Nada máis e nada menos que 90 nenos e nenas asistiron o pasado venres á lectura en voz alta. Un éxito total! Andrea, Antonela, Alba, Raquel e Giselle de 4º curso foron as lectoras do día pero tamén as axudou Agatha de Educación Infantil. Leron "Pétala" de Pep Bruno. E a vós...? Que vos pareceu este conto? Non estades desexando saber quen son os próximos lectores?

18/10/11

Comezou a lectura en voz alta!


O venres pasado comezou unha das nosas actividades favoritas: a lectura en voz alta. Pouco a pouco fostes enchendo de solicitudes o buzón de Lusca. Isi, a nosa nova flamante coordinadora non o tivo doado para decidir quen lía nesta primeira sesión. Finalmente foron Carolina e Milka de 6º as seleccionadas. Leron "El dragón que quería ser violinista" de Luisa Villar Liébana. Nesta historia o dragón Godofredo intenta tocar un violín pero pensa que sendo tan grande coma el nunca poderá logralo. Así que non cre que non lle queda máis remedio que buscar outro traballo: Taxista? Bombeiro? Futbolista?... Finalmente a música resolverá o seu problema.
A asistencia de público foi, coma sempre, estupenda. Aquí vos deixamos as fotos, non olvidedes facer os vosos comentarios.

É MOI IMPORTANTE PARA O NOSO BLOGUE!



03/10/11

Xanela aberta!!!


Xa hai días que comezou o curso pero a nosa biblioteca aínda non podía abrir. Aínda así non pensedes que non tiña movemento! Os máis observadores seguro que vos decatastes que algo pasaba: Isi entraba e saía, os alumnos e alumnas de 5º e 6º entraban e saían... Que estaría a pasar? Que intriga! Moito nos tardaba pero hai uns días xa apareceu algunha nova nas portas das aulas. Que non sabedes de que falo? Hai que estar máis atentos!
Hoxe, por fin, é o gran día! Xanela abre as súas portas no recreo e así seguirá ata que remate o curso. Tamén a partir de mañá podedes vir polas tardes a facer traballos do cole ou ler tranquilamente.
Este ano ademais hai unha novidade moi importante, temos unha nova profe responsable da biblio, Isi, á que todos coñecedes. Estou segura de que estades encantados de tela todos os días pola nosa biblioteca, axudando a Lusca no seu traballo.
Aquí vos deixo unha foto do novo equipo de biblioteca. Seguro que con este grupo de traballo temos un curso fantástico!!

Vémonos na biblio!

27/04/11

Ana Mª Matute, premio Cervantes 2010


O 23 de abril de cada ano, dende 1976, e coincidindo coa celebración do Día do Libro, fállase o Premio Cervantes. Este ano dito premio recoñece o labor literario de Ana Mª Matute, unha das nosas autoras máis prolíficas que ademais está considerada como unha mellores novelistas españolas da posguerra. Ana Mª Matute convértese na terceira muller en obter este galardón. Ten moitas novelas e contos que teñen aos nenos e nenas como protagonistas. Para máis información sobre ela, picade nos enlaces e disfrutade destes vídeos. Neste enlace podedes tamén ler con calma o texto íntegro do seu discurso na entrega do premio.

enlace á reportaxe na TVE

15/04/11

"Camilón, comilón": lectura en voz alta de Ismael de 3º.

Hoxe celebramos no cole o día do libro e tivemos unha lectura moi divertida na hora do recreo, un libro titulado "Camilón, comilón". Camilón  ten fame, polo que empeza a pedir comida para chear a súa  cesta. E cando a teña repleta, que fará?
Un libro moi recomendable de Ana María Machado do Barco de vapor para traballar a amizade e o valor de compartir.

Lectura en voz alta de Antón: "O trasno burlón".


O venres pasado Antón contounos un conto moi interesante que ocorre na nosa cidade de A Coruña:  Brais o protagonista está emocionado ante a idea de viaxar a A Coruña para coñecer a Miquiños, o seu amigo por correspondencia. Os pequenos detectives descobren que Miquiños é un trasno disposto a pasar un bo anaco á conta súa

06/04/11

Lectura en voz alta de Natalia e Daniela de 1º: "Stelaluna".

Daniela e Natalia leron o pasado venres na biblioteca. Un libro precioso "Stelaluna", unha bonita historia dunha pequena morcego que se ve separada da súa nai e é adoptada por unha familia de paxaros.
A fraternidade, a integración, os costumes diferentes, fan de "Stelaluna" un libro interesantísimo para tratar o tema da convivencia e a solidariedade.


Moi ben, Daniela e Natalia!


A lectura deste conto fixo xurdir moitas dúbidas sobre as características deste animal, polo que na seguinte presentación podedes pescudar cousas moi interesantes sobre os morcegos.

04/04/11

Teatro LUME!

Hoxe veu visitarnos a compañía Babaluva coa obra de teatro “Lume” baseada nun libro do mesmo nome do escritor Alberto Varela Ferreiro. Os monicreques e os elementos escenográficos están feitos reutilizando obxectos cotiáns recoñecibles e sen apenas transformacións.
O conto di así…
Nun bosque onde vivían moitos animais algo pasou que fixo ladrar ao can…
Unha lapa chegou con ganas de facer lume e fume. O can chamou á vaca, a vaca ao cervo, o cervo á xabarila, a xabarila á landra, a landra preocupada foi buscar ao moucho que avisou a araña. A araña viu ao ourizo, o sapo alertou á garza que estaba comendo miñocas. A eiruga falou coa bolboreta, voluntariosas chegaron a vacaloura e ao esquío. E así foi como axudándose uns aos outros prepararon un plan para apagar o lume.





30/03/11

Excursión "Teatro en inglés"

Toda a etapa de primaria fomos ver a obra teatral en inglés "Treasure Island" ao CEIP Curros Enríquez. A posta en escea é da compañía de teatro en inglés "Face 2 face". Esta obra está baseada na novela "A illa do tesouro " de Robert L. Stevenson, un libro recomendado para nenos e nenas de 2º ou 3º ciclo aos que lles gusten as historias de aventuras e piratas.

Aínda que tamén temos adaptacións como a de Bahía Edicións, da ilustradora Sandrine Gambart, para os máis cativos.


Aquí vos deixamos coas fotos dese día, no que houbo risas, sustos e ata un actor espontáneo de 6º chamado Daniel que o fixo, con outr@s nen@s do colexio Curros Enríquez, moi ben.


23/03/11

Lectura en voz alta de todol@s nen@s de 3º: "A viaxe das bolboretas"

Conto de Paula Carbone da editorial OQO.

O venres pasado tivemos unha lectura en voz alta diferente, todos os nenos e nenas de 3º e a súa mestra, Luz, tíñannos preparada a proxección dun conto na biblioteca coas súas voces grabadas interpretando cada personaxe da historia. O conto titúlase "A viaxe das bolboretas", unha historia dun vermiño e o que lle aconteceu mentres percorría a distancia entre a laranxeira e o limoeiro. Nese longo camiño para el non só atopou bos amigos senón tamén obstáculos aos que lle facer fronte.
O VERMIÑO e os seus amigos: O GRILO, A TESOIRIÑA, A FORMIGA, A PULGA E A EIRUGA invítanvos a ler este bonito conto.

DIVÍRTETE CON NÓS EN "A VIAXE DAS BOLBORETAS"





Percorrido da laranxeira ao limoeiro: (realizado pol@s nen@s de 3º)





22/03/11

Día Mundial da Auga


Hoxe celébrase o Día Mundial da Auga. No noso cole esta conmemoración cobra doble importancia xa que é o tema central do proxecto da nosa biblioteca e todas as aulas estamos a traballar e investigar sobre ela.

Pero sabedes por qué se celebra nesta data? Navegade polos enlaces e averiguarédelo!

Aquí vos deixo un enlace onde podedes atopar moitas actividades para aprender aínda máis cousas.

Non olvidedes tampouco que na wiki da biblioteca podedes atopar unha chea de recursos para a vosa consulta e traballos que teñades que facer.


INUNDADOS POLA AUGA

10/03/11

Visita do ilustrador vigués ABRAHAM CARREIRO

Hoxe en Xanela tivemos a sorte de contar coa visita do ilustrador Abraham Carreiro, que nos ensinou un pouquiño da súa profesión: a caracterización de personaxes , a técnica do difumino coas pinturas pastel e o uso de cores frías e quentes segundo a sensación ou o ambiente que queiramos darlle á ilustración; unhas boas técnicas para levar aos nosos debuxos que axiña fixemos na aula para aplicar o aprendido.
Dende Xanela recomendámosche o libro "A pel do crocodilo" da editorial a Nosa Terra que está disponible na biblioteca.



Debuxos de Abraham Carreiro
Adxuntamos unha entrevista para coñecer máis cousas del:

Picade aquí para ver a galería de ilustracións de Abraham Carreiro