18/12/19

Suxerencias de lectura!

Achéganse as vacacións de inverno e, coma cada ano aquí van algunhas suxerencias e novidades da biblioteca Xanela.


As biblios e librerías están cargadas de novidades editoriais cada día máis interesantes coidadas, para todas as idades, gustos e necesidades así que seguro que atopades algo para cada un e unha de vos.

Ademáis incluímos unha pequena selección dalgúns dos nosos xogos favoritos e tamén lecturas para maiores.




Agardamos que vos guste e vos sexa útil e aproveitamos para ir desexando un bo 2020!

10/12/19

Novo reto de Lusca

Lembrade que cada pouco tempo hai un novo reto que propón Lusca na biblio Xanela.

A vosa resposta, como xa sabedes, vai na caixa do correo que hai na entrada!

Fúchedes xeniais investigando e houbo moitos acertantes do último que xa poden pasar a recoller a súa pequena recompensa. Lembrade mirar ben a pregunta, pensar, buscar, deducir, crear...  e aquí vai o seguinte:


Saúdos!

31/10/19

Álbum e cromos "MULLERES"

Como todas xa sabedes xa que foi froito do traballo colectivo, co voso esforzo  ao longo do curso pasado construímos unha colección de cromos de mulleres co correspondente álbum para a colección.

O alumnado de TODOS os niveis do centro (infantil e primaria) colaborou no descubrimento e creación artística destas 54 mulleres que conforman a nosa primeira colección e, se ben o proceso de creación xa foi altamente enriquecedor non é menos o resultado e todo o camiño que estamos a percorrer para completar, cada un/ha, a nosa colección.


Foi un traballo co que estamos moi satisfeitas/os e que empregamos durante todo o curso con distintas dinámicas para ir completando a colección, re-descrubrindo e visibilizando 54 mulleres de distintos ámbitos con investigacións, entrevistas, xogos de descubrimento, ou tamén empregando as datas sinaladas ás que algunhas delas estan vencelladas para saber máis e pegar o cromo.


O resultado é fabuloso e, por se alguén quere empregalo ou sacar outra copia, aquí deixamos os documentos aos que podedes acceder e descargar.
(Lembramos que o álbum ao completo débese imprimir en tamaño A5)


O gran nivel de aproveitamento deste producto xenuínamente creado por todas/os vós abre novos horizontes para a creación doutros materiais relacionados cos que desexamos que vos sigades implicando tanto porque cando todos e todas imos a unha os resultados son incríbles!


Noraboa!


"Erguerase un día
o ceo azulmorado,
as pancartas en branco
e as voces con cantos de liberdade"
(Lola Delgado)

11/10/19

Benvidas ao 2019-2020!

Aquí estamos!

Estamos apurando as datas para a chegada da reapertura da Xanela, que, como xa sabedes, será o 24 de outubro, Día das Bibliotecas! 


Se vos asomades algun destes días á Xanela veredes un zafarrancho tremendo, pero calma, agardamos chegar a tempo co expurgo e a organización...

A semana que ven serán tamén as reunións de formación de voluntarios e voluntarias da Xanela (5º e 6º) 

Preparádevos porque volve a Xanela con:
  • Xornada de inauguración!
  • Lecturas compartidas!
  • O reto de Lusca!
  • Festas e conmemoracións
  • Novidades literarias
  • Mochilas viaxeiras dixitais
E un montón de cousas máis!

Ademáis, queremos contarvos que para darlle un pulo a este blogue a Biblio Xanela abriuse tamén un perfil de Instagram (volveuse moderna Lusca...) está pensado para facer chegar ás familias algo da información, curiosidades da biblio, anunciar as entradas deste blogue. actividades, etc. (respectarase sempre a LOPD e non teremos caras recoñecibles, vai das actividades non de nós!

Podedes atopar o perfil se buscades por BiblioXanela ou facendo clic AQUÍ 

Saúdos desde a Xanela e benvidas ao curso 2019-2020!

01/07/19

Sacar punto. A curta de sexto.

Boas!
Non esquecéramos algo?
Unha vez realizada a estrea mundial da curta que con tanto esforzo realizou o alumnado de sexto é hora de poñela á vosa disposición para ver, re ver e partillar!

Todo isto da curta é máis ca un producto é un proceso que implica un monton de factores, creatividade, comunicación, colaboración, expresión, uso da lingua, autoesixencia, respecto, etc. un montonazo de disciplinas e competencias que se desenvolven arredor dun proxecto común.

Grazas a todas as persoas que se involucraron aquí está o resultado co que, para o tempo e medios dos que dispoñemos, estamos máis que contentos.

Noraboa rapazada!

Agardamos que desfrutedes de "SACAR PUNTO" unha curta de valores, superación, xustiza, amizade... ben, mellor que o comprobedes por vos mesm@s!



Saúdos!

16/06/19

Reto lector para o verán!

Achéganse as vacacións e presentamos o noso reto lector!

No cartaz tes 12 situacións distintas nas que ler, unhas son faciliñas, outras un pouco tolas... queres probar? Se cres que podes ler nestas situacións invitámoste a sacar unha foto cumplindo cada reto!

Podes enviar as fotos ao correo bibliocarricarte@gmail.com (pide axuda para isto á familia... ) 

Lusca e todo@s estaremos encantadas de recibir as vosas imaxes, e se cumples polo menos con 11 das situacións poderás ter un agasallo á volta das vacacións!

Anímaste co reto??




Ademáis velaquí van as nosas recomendacións para o verán:

30/05/19

Programa de Radio Xanela!

Con moito esforzo e dedicación xa temos Radio no cole! Un espazo de creación, expresión, investigación e colaboración vencellado directamente á biblioteca (e situado fronte á mesma).


 Pero claro, para empregalo houbo que esforzarse arreo!

Os grupos dividíronse en equipos de sección así tivemos equipos de conductores e conductoras que "unifican" o programa, introducen valoran e despiden cada sección, deciden a orde de participación no progama coa escaleta, etc. E equipos para sección de literatura, de artes, de ciencia o equipo chamado "Efecto Matilda" tamén un chamado "Non me contes contos" no que achegan historias de mulleres destacadas en formato conto infantil e, por suposto, un equipo de novas encargado de recopilar, escoller e contar novas destacadas do centro. 


Estos equipos tiveron un traballo que foi, aos poucos, cada vez máis áxil xa que tiñan que investigar, completar a listaxe de tarefas que se lles entregou, crear os guións, ensaiar, etc. para poder, finalmete GRAVAR o seu programa!








Non diremos que foi sinxelo pero coa cooperación de todos os membros dos equipos todo saiu adiante!



Ademáis, cada vez que os equipos traballaban debían rematar cubrindo o seu propio "diario de sesión" no que  redactar brevemente o traballado e conseguido nese día, as incidencias e tamén consensuar unha "nota" coa que autoavaliar o progreso do equipo.

Ás veces é sorprendente o autoesixentes que os equipos poden chegar a ser con tarefas de tal responsabilidade!

As gravacións comezaron e coido que foi un momento moi desfrutado e emocionante! Aínda non saíran os equipos da cabina e xa estaban pensando en voltar, seguro que este proceso previo é cada vez máis rápido agora que xa sabemos como vai todo e podemos crear un montón de programas.





Na nosa primeira experiencia aínda escoitaredes algúns erros pero agora...







Xa sabemos que temos que ter bastante controlado o noso guión...
Que hai que pegarse ben ao micro...


Que hai que pegarse moi ben ao micro todo o rato...


Que non podemos argallar con ruídos de papeis, bolis, cables....




Xa estamos super concentrados escoitando aos compañeiros e preparados/as para intervir.
E aquí está, o primeiro programa do alumnado de 5º listo para ser escoitado!
Moi pronto teredes o de 4º e...moito máis!



Agardamos que vos guste! Chegou a radio Xanela, unha fiestra aberta á nosa expresión, comunicación, oralidade, traballo en equipo, investigación, organización, creación e moito máis así que... adiante!

Sintonizade RADIO XANELA!!!

20/05/19

Día das Letras Galegas

Con maio chega o mes das Letras todas xa sabemos que este ano, o 17 de maio adícase a Antón Fraguas un amante e estudoso do noso patrimonio inmaterial, e, no cole, aos poucos, todos e todas nos estamos a convertir en axudantes de Antón Fraguas decubrindo lugares, nomes, historias, lendas, datos e curiosidades de distintos puntos da nosa contorna.
Non veremos todo o noso traballo rematado ata fin de mes mais non deixamos escapar a ocasión, na véspera do 17, de celebrar a nosas letras.


O primeiro foi resolver o certame literario, houbo máis de 140 participantes e estamos moi agradecidas por todas as obras recibidas, xa sabemos que temos grandes escritores e escritoras no noso cole! Bravo! 



Como é mester cada participante levou o seu obsequio, este ano foron unhas sementes que agardamos que crezan fortes!




Ademáis dos premios ás obras conxuntas presentadas polos grupos de infantil e os premios a todos os participantes de primaria houbo un gañador/a por categoría e recibiron candaseu premio. Noraboa e grazas!

 


Como vedes todos e todas vestiamos as nosas camisolas cheas de verbas que nos gustan na nosa lingua, puidemos ler "loita", "chorima", "toxo", "agarimo", "ledicia", "bolboreta", "axuda" e un montón de vocablos máis cos que identificarnos. 

A xornada continuou con todo o centro cantando e bailando o Xogo da Carrasquiña e finalmente cunha fermosa foliada que temos que agradecer a todas as alumnas que se animaron a participar coas súas voces, pandeiretas, gaitas... tamén á coordinadora de dinamización por facer máis facil o día, a Moncho, por estar sempre disposto a axudar, colaborar, participar e achegarnos a súa arte e a toda a comunidade educativa, profes, familias, alumnado... por axudar dun ou outro xeito nestas conmemoracións.

   




  



GRAZAS A TODAS E TODOS POLA PARTICIPACIÓN


06/05/19

Boas novas!

Sabedes que na Xanela e no cole facemos moitísimas cousas con distinto propósito e unha delas foi a curta que os rapaces e rapazas de 6º do curso pasado fixeron con tanto esforzo e dedicación.

Documentáronse, fixeron guión, aprenderon sobre planos, fixeron storyboards ou guións gráficos, distribuíron personaxes, aprenderon papeis... unha morea de traballos cos que sacaron este resultado que podes lembrar aquí:



Pois esta fin de semana sorprendeunos a nova de que esa curta é finalista nos premios Olloboi de audiovisual escolar! Que ledicia e recompensa!


A resolución final do premio será o vindeiro venres mais xa ficamos moi agradecidas polo recoñecemento que xa supón!


Noraboa a todos os rapaces e rapazas de 6º se aínda nos ledes! Bravo por vos!

01/05/19

Certame literario A Xanela

Como cada ano convocamos o certame literario A Xanela no que cada alumno/a de primaria poderá participar na súa categoría. 

Ánimo artistas estamos desexando ler as vosas obras!


28/04/19

Xerras de esencias literarias

Seguimos coas actividades de biblioteca e desta volta.... 

Podedes resumir un libro nun tarro? Sacar dunha historia só a súa esencia para que sexa recoñecible? En un traballo de síntese e creatividade e... agardamos moito de todas e todos vos!


Xa están chegando un montón de xerras con esencias literarias! Agardamos ensinarvos máis. Grazas por participar!


25/04/19

Maratón de lectura

Primeiro de todo queremos agradecer a todas as nais, pais, tíos, tías, avós, avoas e demáis familia que se prestaron a colaborar na nosa maratón de lectura!

Ao coincidir este ano o día do libro co regreso das vacacións optamos por facer unha super maratón de dúas xornadas!

Ao longo da mañá do mércores 24 o alumnado de 4º e 5º de infantil así coma o de 2º, 4º e 6º de primaria puido escoitar, en quendas distintas historias como "A figueira de pelos tortos", "A máscara do león" ou "Malena Ballena" así coma unha historia en inglés, un poema de Lorca... un pouco de todo.

Na mañá do xoves foi o turno de 6º de infantil e 1º, 3º e 5º de primaria e desfrutamos de historias como "Os outros feirantes"ou "Simone de Beauvoir".



É unha pracer recibir ás familias na nosa Xanela e desfrutar compartindo tempo, lectura e atención.



Moitas grazas a todos e todas por "semanas" do libro tan especiais.


01/04/19

En abril, lecturas mil.

Chegou abril, xa está aquí!
Abril ten un día do libro infantil e xuvenil (o 2), tamén un día do libro (23), e ademáis logo ven o maio, mes das letras... a Xanela nunca para!

Só fai falla ver como está o calendario de lecturas interniveis! Houbo que pechar inscripcións un tempo debido á longa lista de agarda e iso non pode máis que facernos sentir cheos de orgullo!



Por cada grado de autonomía e autoxestión que asumides na preparación de lecturas.
Por cada crecemento en traballo de equipo e colaboración que demostrades.
Por cada mostra de responsabilidade e saber facer.
Por cada imaxe de entusiasmo e paixón na tarefa.
Por cada momento de documentación, preaparación, ensaio...
Por toda a xenerosidade que demostrades ao seleccionar e preparar as lecturas para outros grupos, compañeiros/as, público sempre esixente.
Por cada vez que demostrades como as vosas dotes narrativas e exposicións orais crecen en calidade.

Por todo isto e moito máis, desde a a XANELA non podemos máis que darvos a noraboa e as grazas!

12/03/19

Cando os de 6º liberaron o antídoto contra a desigualdade. O "escape-room" feminista

A rapazada de sexo recibiu unha misteriosa mensaxe:

"Secuestraron a unha persoa, a persoa que pode liberar o antídoto contra a desigualdade! Seredes quen de superar todos os retos e lograr este antídoto? Precisámosvos!"

A mensaxe viña acompañada deste video:




Resultou que cada equipo comezou nun punto e tiveron que ir superando retos diversos había probas coma: 

  • Liña do tempo: Cada equipo nalgún momento recibiu 5 ou 6 uns tarxetóns con imaxe título e datos para crear unha liña do tempo sobre mulleres e movemento pola igualdade, se averiguaban as datas e poñían a liña en orde atoparían un número de tres cifras co que abrir un candado e atopar un novo reto


  • Test mitos do amor romántico: Todos os equipos, nalgunha das fases atoparon un test de verdadeiro ou falso con frases relativas ás relacións sás, estereotipos de xénero e mitos do amor romántico. Unha vez respostado verdadeiro ou falso tiñan unha indicación, cada resposta verdadeira valía 2 puntos e cada falsa 1, ao sumar obtiñan unha cifra que era a chave de acceso a unha web... o misterio continuaba

  • Quen ves sendo? Nunha dirección web á que accedían cada equipo podía ver unha fotografía distinta e 3 pistas coas cales debían procurar na rede o nome desa muller e atopáronas, foron Lynn Margulis, Lise Meitner, Emma Watson, Chimamanda Ngozi e Kathrine Switzer!, unha vez atopado o nome tiveron que introducilo como chave de acceso a outra páxina que daba a seguinte pista ou reto.


  • Andeis coeducativos: Pero é que tamén tiveron que seguir dándolle ao inxenio e nalgún dos puntos recibiron  unha pista coa cal debían atopar a que libro nos referiamos, todos eles dispostos nos novos andeis coeducativos da biblioteca do cole, atopado o libro, dentro deste, estaba a nova pista ou proba.


  • Creación: Todos os equipos tiveron un reto de creación, unha vez que o atopaban debían elaboralo e ensinarmo a min. Uns tiveron que crear o "Doodle" de Google para o 8 de marzo, outros un anuncio publicitario para fomentar o préstamo de obras dos andeis coeducativos, outros crear unha estrofas de regueifa sobre o antídoto que buscan, outros crear uns Haikus e outros, empregando libros do espurgo e recortando palabras crear unha breve narración ou poema relativa ao tema.  Uf, por momentos semellaba que o antídoto estaba moi lonxe!


  • Alianza de equipos: Se ben os equipos chegaban ás outras probas en diferente orde e momento, esta proba era a última para todos e nela suxeríase que se aliaran. Uns equipos tiveron que aliarse para, coas liñas de tempo parciais de todos os equipos formar a liña do tempo completa (ao ordenala tiñan unha secuencia de frechas que abría un candado direccional e outra de números que abría un "dixital") Outros equipos tiñan que completar unha encrucillada coa axuda dos outros equipos ao precisar os nomes das mulleres da proba "Quen ves sendo?" esas encrucilladas tiñan unhas casiñas sinaladas cun código e ao final da páxina outro código escrito que os levaba a distintos lugares (unha pizarra na que atoparon un código de 3 cifras para un candado, un armario no que atoparon unha chave pegada baixo unha balda, etc.)  Todos estos candados finais cerraban a última chave,  a que abría o "cofre" do antídoto que estivera no medio da aula durante toda a sesión, así que para liberar a chave todos os equipos tiñan que superar os seus retos.

Por fin! Unha vez superados todos os retos e conseguida a chave final dirixíronse ansiosos e ansiosas cara a urna do antídoto alí atoparon:
  • Unha mensaxe escrita: "Noraboa! Que? Que non hai antídoto, mirade ben ao espello..."
  • Un espello: No espello estaba a inscripción "O antídoto sodes vós"
  • Un montón de doces (xa, xa sei que non é moi saudábel nin pedagóxico supoño...)
  • Unha caixiña metálica (mais espello...): Ao abrila tiñan a mensaxe máis estendida e uns "amuletos contra a desigualdade" cos que agardamos que sempre lembren que elas e eles son o antídoto e que tamén recorden con agarimo a experiencia na que tiveron que esforzarse, cooperar, aliarse, pensar, crear,...
Na seguinte sesión despois da experiencia fixemos a posta en común e tratamos tamén aspectos de probas ás que tiveron que adicar máis tempo do esperado (por exemplo, nunha tan sinxela coma o test dos mitos do amor romántico houbo bastante discusión (moi sá e enriquecedora por unha parte) así que ofertei alternativas onde poder informarse máis sobre este tema, falamos tamén dos aprendizaxes, do significado das tarefa e probas, das dificultades, das sensacións que produciron e tamén, por suposto, do significado do antídoto.

Ademáis, cada un/ha recibiu un post-it no que escribir algunha impresión (anónima ou asinada) que despois dispuxemos nun taboleiro.