Amosando publicacións coa etiqueta radio na biblio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta radio na biblio. Amosar todas as publicacións

13/03/21

Programa especial polo 8 de marzo de Radio Xanela

 

Hoxe traemos un novo programa de Radio Xanela. O 8 de marzo é unha data que non pasa desapercibida no cole e este ano queríamos sumar ás moitas actividades que se están a elaborar, un programa de radio no que participan todas as clases.

Neste especial falamos da orixe do 8 de marzo como Día Internacional da Muller, das catro científicas galegas que compoñen as camisetas que fixemos, lemas para berrar ben forte nas manifestacións feministas, un poema de Rosalía de Castro, unha mención a Emilia Pardo Bazán e ata cancións e raps. Non o poderedes deixar de escoitar!

Un gran traballo de todo o centro para seguir loitando pola igualdade! 

11/02/21

Primeiro Programa de Radio Xanela do 2020/2021

 


Radio Xanela xa está de volta este curso!

Cando estamos a un día celebrar o Día da Radio, podemos ao fin ofrecervos o programa de radio que resume todo o que aconteceu no cole no primeiro trimestre.

O alumnado de 2º presenta este programa cheo de grandes contidos coma a COVID. Imposible non falar deste tema que está a marcar as nosas vidas. Escoitade o que opinan as grandes mentes que temos en Educación Infantil, non faltan ideas para combatir ao virus!

Tamén hai tempo para falar de datas importantes como o Magosto, o Samaín, a celebración do Estatuto de Autonomía de Galicia ou de proxectos tan interesantes como o do espazo do Vixía.

Todo isto ben acompañado de cancións que non poderedes deixar de escoitar e promos dun cole onde non o podemos pasar mellor!


Desfrutade do voso programa e se queres deixanos tamén a túa opinión.

23/03/20

Radio Xanela: "Entre Lusca e fusca"

Boas rapaces e rapazas!

Estamos super contentas de estar recibindo un montón dos vosos arcos da vella, sodes moito! (Se aínda non sabes de que falamos, mira esta outra entrada) Algúns xa se foron publicando no Instagram da Xanela e agardaremos un pouco máis para facer unha entrada neste blogue con eles así que aínda podedes seguir mandado ás mensaxes privadas do instagram ou ao correo bibliocarricarte@gmail.com. 


É un gusto saber de vos nestes días... agardamos que esteades a pasalo o mellor posible.

Xa que semella que a biblio e o estudo de radio do cole han estar pechados un tempo máis (e o cole...) vimos cunha nova proposta que intente conectarnos a todos e todas. Velaí vai.


Queremos preparar un programa de Radio Xanela especial, chamado "Entre Lusca e fusca" que será así; unha mistura... especial. Para crealo precisamos da vosa colaboración.

Trátase de que, cos medios dos que dispoñades (móbil da familia, tablet, ordenador...) gravedes unha mensaxe en audio para compartir no programa especial e que todos os compañeiros e compañeiras vos poidan escoitar desde as casas. Non fai falla que sexa moi longo, uns segundos, un minuto ou así como moito está ben (por alumno/a, se sodes dous irmáns  pois un par de minutos ou así...e iso...xa sabedes!)

Que podedes contar nese audio? O que gustedes de compartir no "Entre Lusca e fusca", eso sí, o primeiro que teredes que decir é o voso nome e curso, por favor, non esquezades presentarvos! e despois...velaí van unhas ideas:
  • Un saúdo, como estades...
  • Poesía
  • Recoméndanos unha canción (nós procuraremos poñela)
  • Algo que fixerades que vos gustara ou algo que teñades ganas de facer.
  • Cantar unha canción ou insterpretar cos vosos instrumentos.
  • Ler parte dun libro ou conto ou facer unha recomendación.
  • Ideas de xogos ou manualidades para facer na casa (Eco-lóxica-mente)
  • Un consello para estos días.
  • Adiviñas, chistes, mini entrevistas...
  • Algo que vos gusta da biblio Xanela
  • ...
Esto son só unhas ideas pero usade o voso maxín, é un programa especial e admite case de todo (se funciona... ao mellor hai propostas máis guiadas no futuro...)

Por fa, procurade que as vosas cuñas para o programa sexan en lingua galega e escoitádeo antes de mandar para comprobar que se entende e se escoita aceptablemente ben.

Debes facernos chegar o arquivo de audio ao correo da biblio: bibliocarricarte@gmail.com ou ás mensaxes privadas do Insta (se precisades algún outro medio facédeo saber e artellamos máis). 

Ata o sábado 28 ou domingo 29 dávos tempo de pensar, gravar e enviar? Veña, vai, a ver se a inicio de semana podemos sacar o programa e escoitarnos todos e todas!

RESUMINDO:



Con este programa pretendemos conectarnos todos e todas desde os nosos fogares nos que nos toca estar coidándonos moito, vexamos como resulta.

Despedímonos mandándovos unha aperta enorme e agardando as vosas mensaxes para este especial de Radio Xanela na distancia.

Para rematar, Marcos, papá de Elba (5ºEI) e a través de Paula (nai de África (3ºEP) e Martiño (4ºEI) fixéronnos chegar está fermosísima e esperanzadora imaxe do noso cole ao que agardamos voltar pronto! Mil grazas!!!


Agardamos os vosos audios!
Coidádevos! TODO SAIRÁ BEN

14/03/20

Novo programa de Radio Xanela!

Ola rapazada!

Como ides? Agardamos alegrar o voso día con este programa de radio recén saído do forno.

É un gusto enorme desfrutar de todo o que traballades na Radio Xanela, desta volta atoparedes unha sección na que falan de tres ilustres mulleres, tamén unha zona para lembranzas e conmemoracións, outra sobre literatura, sen esquecer as novas ou o proxecto Eco-lóxica-mente e todo fantásticamente dirixido polo alumnado de 5º.

Ademáis, no medio da sección de 6º atoparedes unha marabillosa sorpresa poética... Sabedes decir a que curso pertencen as crianzas que recitan á nosa Rosalía?? 

Si é que os recén chegados xa se dan unha maña cos micros que da gusto!!




Sabemos que estamos nuns días un pouco raros pero pedímosvos que permanezades atentos/as a este blogue (e se queredes tamén ao instagram da biblio) e claro á web do cole porque prometemos un montón de propostas, retos, ideas, recomendacións... e pediremos colaboración! tamén prometemos  escoita, comunicación...por favor, sintónizadenos e difundide! 💜

Mantédevos na casiña, sede moi bos e boas e coidádevos, pronto pasarán os días e voltarán os achuchóns, carreiras, risas, falcatruadas e aprendizaxes ás nosas aulas.

Noraboa por este pedazo de programa de radio, xa temos o seguinte en mente aínda que sexa a distancia así que... xa veredes será divertido!

Querémosvos moito!

30/05/19

Programa de Radio Xanela!

Con moito esforzo e dedicación xa temos Radio no cole! Un espazo de creación, expresión, investigación e colaboración vencellado directamente á biblioteca (e situado fronte á mesma).


 Pero claro, para empregalo houbo que esforzarse arreo!

Os grupos dividíronse en equipos de sección así tivemos equipos de conductores e conductoras que "unifican" o programa, introducen valoran e despiden cada sección, deciden a orde de participación no progama coa escaleta, etc. E equipos para sección de literatura, de artes, de ciencia o equipo chamado "Efecto Matilda" tamén un chamado "Non me contes contos" no que achegan historias de mulleres destacadas en formato conto infantil e, por suposto, un equipo de novas encargado de recopilar, escoller e contar novas destacadas do centro. 


Estos equipos tiveron un traballo que foi, aos poucos, cada vez máis áxil xa que tiñan que investigar, completar a listaxe de tarefas que se lles entregou, crear os guións, ensaiar, etc. para poder, finalmete GRAVAR o seu programa!








Non diremos que foi sinxelo pero coa cooperación de todos os membros dos equipos todo saiu adiante!



Ademáis, cada vez que os equipos traballaban debían rematar cubrindo o seu propio "diario de sesión" no que  redactar brevemente o traballado e conseguido nese día, as incidencias e tamén consensuar unha "nota" coa que autoavaliar o progreso do equipo.

Ás veces é sorprendente o autoesixentes que os equipos poden chegar a ser con tarefas de tal responsabilidade!

As gravacións comezaron e coido que foi un momento moi desfrutado e emocionante! Aínda non saíran os equipos da cabina e xa estaban pensando en voltar, seguro que este proceso previo é cada vez máis rápido agora que xa sabemos como vai todo e podemos crear un montón de programas.





Na nosa primeira experiencia aínda escoitaredes algúns erros pero agora...







Xa sabemos que temos que ter bastante controlado o noso guión...
Que hai que pegarse ben ao micro...


Que hai que pegarse moi ben ao micro todo o rato...


Que non podemos argallar con ruídos de papeis, bolis, cables....




Xa estamos super concentrados escoitando aos compañeiros e preparados/as para intervir.
E aquí está, o primeiro programa do alumnado de 5º listo para ser escoitado!
Moi pronto teredes o de 4º e...moito máis!



Agardamos que vos guste! Chegou a radio Xanela, unha fiestra aberta á nosa expresión, comunicación, oralidade, traballo en equipo, investigación, organización, creación e moito máis así que... adiante!

Sintonizade RADIO XANELA!!!