30/05/19

Programa de Radio Xanela!

Con moito esforzo e dedicación xa temos Radio no cole! Un espazo de creación, expresión, investigación e colaboración vencellado directamente á biblioteca (e situado fronte á mesma).


 Pero claro, para empregalo houbo que esforzarse arreo!

Os grupos dividíronse en equipos de sección así tivemos equipos de conductores e conductoras que "unifican" o programa, introducen valoran e despiden cada sección, deciden a orde de participación no progama coa escaleta, etc. E equipos para sección de literatura, de artes, de ciencia o equipo chamado "Efecto Matilda" tamén un chamado "Non me contes contos" no que achegan historias de mulleres destacadas en formato conto infantil e, por suposto, un equipo de novas encargado de recopilar, escoller e contar novas destacadas do centro. 


Estos equipos tiveron un traballo que foi, aos poucos, cada vez máis áxil xa que tiñan que investigar, completar a listaxe de tarefas que se lles entregou, crear os guións, ensaiar, etc. para poder, finalmete GRAVAR o seu programa!








Non diremos que foi sinxelo pero coa cooperación de todos os membros dos equipos todo saiu adiante!



Ademáis, cada vez que os equipos traballaban debían rematar cubrindo o seu propio "diario de sesión" no que  redactar brevemente o traballado e conseguido nese día, as incidencias e tamén consensuar unha "nota" coa que autoavaliar o progreso do equipo.

Ás veces é sorprendente o autoesixentes que os equipos poden chegar a ser con tarefas de tal responsabilidade!

As gravacións comezaron e coido que foi un momento moi desfrutado e emocionante! Aínda non saíran os equipos da cabina e xa estaban pensando en voltar, seguro que este proceso previo é cada vez máis rápido agora que xa sabemos como vai todo e podemos crear un montón de programas.





Na nosa primeira experiencia aínda escoitaredes algúns erros pero agora...







Xa sabemos que temos que ter bastante controlado o noso guión...
Que hai que pegarse ben ao micro...


Que hai que pegarse moi ben ao micro todo o rato...


Que non podemos argallar con ruídos de papeis, bolis, cables....




Xa estamos super concentrados escoitando aos compañeiros e preparados/as para intervir.
E aquí está, o primeiro programa do alumnado de 5º listo para ser escoitado!
Moi pronto teredes o de 4º e...moito máis!



Agardamos que vos guste! Chegou a radio Xanela, unha fiestra aberta á nosa expresión, comunicación, oralidade, traballo en equipo, investigación, organización, creación e moito máis así que... adiante!

Sintonizade RADIO XANELA!!!

20/05/19

Día das Letras Galegas

Con maio chega o mes das Letras todas xa sabemos que este ano, o 17 de maio adícase a Antón Fraguas un amante e estudoso do noso patrimonio inmaterial, e, no cole, aos poucos, todos e todas nos estamos a convertir en axudantes de Antón Fraguas decubrindo lugares, nomes, historias, lendas, datos e curiosidades de distintos puntos da nosa contorna.
Non veremos todo o noso traballo rematado ata fin de mes mais non deixamos escapar a ocasión, na véspera do 17, de celebrar a nosas letras.


O primeiro foi resolver o certame literario, houbo máis de 140 participantes e estamos moi agradecidas por todas as obras recibidas, xa sabemos que temos grandes escritores e escritoras no noso cole! Bravo! 



Como é mester cada participante levou o seu obsequio, este ano foron unhas sementes que agardamos que crezan fortes!




Ademáis dos premios ás obras conxuntas presentadas polos grupos de infantil e os premios a todos os participantes de primaria houbo un gañador/a por categoría e recibiron candaseu premio. Noraboa e grazas!

 


Como vedes todos e todas vestiamos as nosas camisolas cheas de verbas que nos gustan na nosa lingua, puidemos ler "loita", "chorima", "toxo", "agarimo", "ledicia", "bolboreta", "axuda" e un montón de vocablos máis cos que identificarnos. 

A xornada continuou con todo o centro cantando e bailando o Xogo da Carrasquiña e finalmente cunha fermosa foliada que temos que agradecer a todas as alumnas que se animaron a participar coas súas voces, pandeiretas, gaitas... tamén á coordinadora de dinamización por facer máis facil o día, a Moncho, por estar sempre disposto a axudar, colaborar, participar e achegarnos a súa arte e a toda a comunidade educativa, profes, familias, alumnado... por axudar dun ou outro xeito nestas conmemoracións.

   




  



GRAZAS A TODAS E TODOS POLA PARTICIPACIÓN


06/05/19

Boas novas!

Sabedes que na Xanela e no cole facemos moitísimas cousas con distinto propósito e unha delas foi a curta que os rapaces e rapazas de 6º do curso pasado fixeron con tanto esforzo e dedicación.

Documentáronse, fixeron guión, aprenderon sobre planos, fixeron storyboards ou guións gráficos, distribuíron personaxes, aprenderon papeis... unha morea de traballos cos que sacaron este resultado que podes lembrar aquí:



Pois esta fin de semana sorprendeunos a nova de que esa curta é finalista nos premios Olloboi de audiovisual escolar! Que ledicia e recompensa!


A resolución final do premio será o vindeiro venres mais xa ficamos moi agradecidas polo recoñecemento que xa supón!


Noraboa a todos os rapaces e rapazas de 6º se aínda nos ledes! Bravo por vos!

01/05/19

Certame literario A Xanela

Como cada ano convocamos o certame literario A Xanela no que cada alumno/a de primaria poderá participar na súa categoría. 

Ánimo artistas estamos desexando ler as vosas obras!