22/12/20

Suxestións de Nadal 2020.

Xa estamos de vacacións!
Desde a Biblio Xanela queremos darvos ideas de libros e contos para desfrutar estas semanas. 

FELICES FESTAS!!





 

28/11/20

25N, Lecturas pola igualdade


 Como ben sabedes, o 25 de novembro é o Día Internacional contra a violecia de xénero. En Biblio Xanela fixemos unha selección de contos, cómics e libros que fomenten a igualdade e eliminen machismos e estereotipos que xa non teñen cabida na nosa biblioteca.

Engade os que creas que faltan!

21/06/20

Fin de curso! Curta, canción, recomendacións e máis...

Chegou a fin do curso, un curso peculiar pero no que estamos fascinadas co voso esforzo, saber facer e resposta a todo o proposto. sodes xeniais!

Deixamos aquí unha pequena despedida con algúns dos resultados:

1. A curta confinada de 6º, non foi nada sinxelo mudar a orientación do traballo realizado antes do confinamento pero todo ese proceso tamén é importante, a elaboraciónd e guións, o descubrimeno dos planos, a creación de guións gráficos... todo foi relevante e aquí está o "spot confinado" co que rematamos. Parabéns!



2. O voceiro de Hércules, a versión dixital da nosa revista do cole xa está publicada e lembramos que podedes visitala e desfrutala AQUÍ

3. Como iamos deixar a nosa canción na que aportáchedes voz, instrumentos, baile,... de todo! "nenos, nenas da Xanela, profes e demáis... berran todos xuntos por un curso que se vai!" Bravo! Convertiuse nunha especie de festival de fin de curso confinado...



4. Novidades e suxerencias literarias para todas as idades!



5. Por último, a vosa opinión sobre a biblio e as súas propostas é moi importante para nós así que pedimos, que se dispós dun par de minutos, respostes á seguinte enquisa, por favor.




Moitas grazas por colaborar, parabéns por chegar ata aquí non foi nada doado, agora agardamos que desfrutedes moito do verán e as súas lecturas e... non descartamos aparecer por aquí ou polo INSTAGRAM DA XANELA de cando en cando, por se queredes visitarnos. Estamos orgullosas de todos e todas vós e desexámosvos unhas vacacións fabulosas.

Ata pronto lectores, lectoras, escoitadores/as e creadores/as de historias, escritores e escritoras dos clubes de letras, axudantes, bibliotecario adxunto, familias, mestras/es... que as letras vos acompañen!

07/06/20

Orgullosas!

Todos sabemos que "os armarios son sitios frios, escuros e que.... CHEIRAN A RANCIO!", como escoitamos no contacontos do Planeta LGTB (grazas ANPA!)



Non podiamos deixar pasar xuño sen salientar as conmemoracións do ORGULLO na nosa escola.





Tal día coma hoxe, 8 de xuño, en 1901 casaron na igrexa de San Jorge da Coruña Elisa e Marcela, como o fixeron? Coñeces a súa historia? desde a biblio Xanela animámoste a descubrir algo máis sobre estas dúas mulleres.



Que che parece a historia? O matrimonio homosexual non foi legal no país ata o ano 2005, parece mentira! Imaxina todas as parellas que tiveron que loitar contra esta situación, elas son só un exemplo entre tantos... Que outros referentes LGBT coñeces? Se queres compartir algúns nomes e historias para que recoñezamos a súa valía podes contalo nos comentarios desta entrada!



E...agora que coñeces un pouco da historia de Elisa e Marcela... que che gustaría dicirlles? Escríbelles unha mensaxe en formato telegrama.


INFO IMPORTANTE:

Podes mandar o teu telegrama a biblioxanela@gmail.com

AQUÍ podes descargar a plantilla do telegrama por se a queres empregar

AQUÍ podedes acceder ao boletín A Xanela de xaneiro no que recomendamos lecturas relacionadas!

AQUÍ podes acceder á guía para a "educación sexual con peques desde a familia " do servizo de educación e atención sexual para xóvenes.

25/05/20

Gañadores/as certame literario A Xanela 2020


Faltábanos publicar as obras gañadoras do certame A Xanela 2020.


Foi un certame particular pola situación pero cun nivel altísimo no que foi moi difícil nomear obras gañadoras así que como xa dixemos varias veces, parabéns a todas e todos.

NESTA outra entrada tedes as obras conxuntas creadas polos grupos de Educación Infantil.

1º de primaria: Pedro Llamas Bermúdez
2º de primaria: Eva Lires Crecido

3º de primaria: Aitana Crecido

4º de primaria: Jorge Torreira Fernández

5º de primaria: Saída Bueno Fernández del Campo

6º de primaria: Antón Cillero García 


Noraboa a todos/as! Agardamos que as desfrutedes!

21/05/20

Chegou Entre Lusca e Fusca!

Xa está aquí!
Por fin!

O novo programa especial de Radio Xanela en confinamento e ven con sorpresas sobre o fantástico Certame Literario,... se queres saber... tes que escoitar!


Grazas a todos e todas as participantes polas aportacións, quedouvos un programa ben lucido! Só agardo non ter despistado ningún dos vosos audios, se alguén mandou a bibliocarricarte@gmail.com e bota en falta a súa voz, por favor, que no lo faga saber para arranxalo! Coido que para a próxima será mellor darvos un correo específico...

E grazas aos demáis tamén por todo o que estades a facer cada día... que ganas de nos xuntar!

Déixovos co programa, 44 minutazos para desfrutar que agardamos que vos gusten tanto coma a nós!



*Hai un erro na presentación da obra premiada de 1º... pero os apelidos están ben... 😅

Con canta atención escoitas? Atrévete a respostar os retos que aparecerán no Instagram da Xanela!

Tamén quedan aquí as xeniais obras presentadas polo alumnado de infantil ao certame (para non desvelar o misterio, as obras de primaria publicaranse noutra entrada dentro duns días...).

Moi pronto, máis novas nosas, non deixes de visitar o blogue.
Apertas!🌈

09/05/20

Por fin máis Radio Xanela!

Si! Que ganas había de outra edición do programa!

Ten que ser de novo un programa de Radio Xanela Confinada, outro "Entre Lusca e Fusca" pero fúchedes tan xeniais que... non podemos deixalo!

Vimos propoñer unha segunda edición do programa especial "Entre Lusca e Fusca", xa sabedes como vai! Precisamos a vosa colaboración! 



Non ten que ser algo moi longo, xa sabedes que cun minutiño ou así válenos e que podedes participar individualmente ou con irmáns/ás, etc.

1. Pensade o que queredes contar, case calquera cousa entra nos programas "Entre Lusca e Fusca" aquí van unhas ideas pero usade o voso maxín... 
  • Cóntanos como estas, manda un saúdo a compañeiros/as, cole...
  • Novas de actualidade
  • Poesía, conto, receita, relato...
  • Recomendacións de cancións, pelis, lecturas...
  • Recomendación de actividades, xogos,...
  • Interpretacións musicais vocais ou con instrumentos
  • Adiviñas, chistes...
  • Pequenas entrevistas reais o inventadas.
  • Algo que vos gusta da radio ou da biblio, ou do que sexa...
  • Información sobre algo do teu interese (ecoloxía, mulleres, música, animais...)
  • ...
2. Prepara e emprega só/a ou con axuda da túa familia algún medio do que dispoñas para gravar o que queres contar (móbil, ordenador...)
Lembra presentarte ao comezo, queremos saber quen eres! e tamén empregar preferiblemente a lingua galega.

3. Escoita o que gravaches para comprobar que se entende e escoita aceptablemente.

4. Envía ou pide que envíen a túa gravación ao correo da biblio bibliocarricarte@gmail.com ou ás mensaxes privadas do Insta (se precisades algún outro medio facédeo saber e artellamos máis). 

A data límite é o sábado 16 de maio ás 14 horas.

Prometemos algunha sorpresa no programa.

PARTICIPA! tanto se xa o fixeches na anterior edición como se aínda non, anímate, seguro que tes algo que contar e devecemos por escoitarvos!



Grazas de antemán, agardamos os vosos audios!


22/04/20

Día do Libro 2020

Hoxe é 22 de abril, si, véspera do Día do Libro, unha festividade que foi declarada tal pola UNESCO en 1995 pero que ven de mooooooi atrás, de feito, foi o libreiro en Barcelona: Vincent Clavel Andrés, quen promoveu a creación da festividade alá por 1922 (fixéronlle caso a partir do 1926) e de aí, a conmemoración estendeuse a todo o mundo.


Xa en véspera traemos un novo reto desde a biblio, seguro que algúns/has xa o coñecedes... rebusca entre os teus libros e contos coa túa familia e procura crear algunha frase ou poema cos títulos dos lombos! (Podes empregar e misturar linguas!)




Ao principio semella difícil pero despois non se pode parar de crear! Dalle ao miolo! Podes mandar foto a bibliocarricarte@gmail.com e tamén ás mensaxes directas do noso instagram e alí iremos publicando as vosas creacións!
Aquí van algúns dos nosos exemplos!







E a nosa favorita... hahaha 😅:


Tamén imos deixar aquí un vídeo que gusta un montón, ten moitos anos e foi para unha campaña de publicidade dunha web pero está ben feito e reflicte bastante ben o gusto pola lectura. Velaí vai!

Saúdos lectores e lectoras! 
Agardamos as vosas imaxes, saber de vós alégranos os días!!
🌈

20/04/20

Certame literario A Xanela

Claro!
Como iamos non convocar? Por suposto que si!
Se algúns e algunhas de vós levabades meses preguntando...

Hai cousas que non teñen por que cambiar aínda en tempos de cambios.

A Xanela convoca o seu tradicional certame literario no que cada alumno e alumna pode participar na categoría que lle corresponda.

As obras achegaranse dixitalmente nesta ocasión (en imaxes ou pdf) ás titoras/titores antes do martes 12 de maio e a resolución (virtual ou no cole) será publicada polas Letras Galegas.

Ánimo escritores e escritoras, estamos desexando coñecer as vosas obras!

De paso deixamos aquí algunhas contribucións vosas do Día da Concienciación TEA 


E claro, arcos da vella porque... todo sairá ben.


















Grazas por colaborar sempre nas propostas, sodes incríbles!

02/04/20

Fame de palabras: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

O Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil celébrase o 2 de abril, coincidindo co nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. O obxectivo é espertar o interese e amor polos libros e a lectura de nenos/as e xóvenes e facer desto, un hábito de vida.

Aquí podes ler o manifesto deste ano escrito por Peter Svential, ilustrado por Damijan Stepancic e traducido por Hector Cajaraville.


Quen foi Hans Christian Andersen?

Hans Christian Andersen foi o creador dalgúnhas das historias clásicas infantíns máis lidas en todo o mundo como o Parruliño Feo, Polgariña, O Soldadiño de Chumbo ou A Sereíña.

Falando da Sereíña, sabías que foi escrita por Andersen como un desafogo pola súa historia de amor co seu amigo Edvard Collin?  Eran inseparables pero tamén eran outros tempos e de feito Collin foi obrigado a casar cunha muller en 1836. Andersen fuxiu a unha illa e escribiulle cartas de despedida así como empezou a redactar o seu grande desafogo: A sereíña. Todo esto sabémolo porque se conservan moitas desas cartas nas que se contan o amor do un ao outro.🌈


Seguramente este 2 de abril sexa a celebración do Día Libro Infantil máis estrana que nos tocou vivir desde a súa creación en 1967, con gran parte da poboación mundial confinada nas casas e nenos e nenas sen ir á escola ou recibindo formación en liña. Por iso, este ano, no que ademáis celebramos o centenario do nacemento de Gianni Rodari achégannos unha proposta de traballo sobre un dos seus contos


"EL PAÍS CON DES-DELANTE"

É unha actividade de Lingua Castelá relacionada cun dos libros do gran Gianni Rodari, un que moitos deste cole coñecen moi ben "Contos por teléfono" Neste libro recóllense unha serie de contos breves que o seños Bianchi, un viaxante de comercio, contaba á súa fillas todas as noites xa que sen conto non podía durmir.


Fai clic AQUÍ para descargar o conto e a actividade.

Apertas!

31/03/20

Programa especial Radio Xanela: Entre Lusca e fusca

Xa esta aquí! Xa chegou! O programa especial de Radio Xanela!

É un orgullo xuntar e montar todo o que achegades, sodes incríbles!! Eu creo que quedou fantástico, noraboa!😍


Agardamos que o desfrutedes moitísimo e que vos guste tanto como a nós escoitarvos os uns aos outros (e a algunhas profes...), pode que teñamos que facer máis programas aínda que sexa na distancia visto o resultado!

Velaí vai!



E despois de escoitalo... non deixedes de achegarvos por aquí porque en breve... máis cousiñas!

Xa sabedes que podedes seguir contactando!


Unha aperta xigante, devecemos por vervos.💜🌈

23/03/20

Radio Xanela: "Entre Lusca e fusca"

Boas rapaces e rapazas!

Estamos super contentas de estar recibindo un montón dos vosos arcos da vella, sodes moito! (Se aínda non sabes de que falamos, mira esta outra entrada) Algúns xa se foron publicando no Instagram da Xanela e agardaremos un pouco máis para facer unha entrada neste blogue con eles así que aínda podedes seguir mandado ás mensaxes privadas do instagram ou ao correo bibliocarricarte@gmail.com. 


É un gusto saber de vos nestes días... agardamos que esteades a pasalo o mellor posible.

Xa que semella que a biblio e o estudo de radio do cole han estar pechados un tempo máis (e o cole...) vimos cunha nova proposta que intente conectarnos a todos e todas. Velaí vai.


Queremos preparar un programa de Radio Xanela especial, chamado "Entre Lusca e fusca" que será así; unha mistura... especial. Para crealo precisamos da vosa colaboración.

Trátase de que, cos medios dos que dispoñades (móbil da familia, tablet, ordenador...) gravedes unha mensaxe en audio para compartir no programa especial e que todos os compañeiros e compañeiras vos poidan escoitar desde as casas. Non fai falla que sexa moi longo, uns segundos, un minuto ou así como moito está ben (por alumno/a, se sodes dous irmáns  pois un par de minutos ou así...e iso...xa sabedes!)

Que podedes contar nese audio? O que gustedes de compartir no "Entre Lusca e fusca", eso sí, o primeiro que teredes que decir é o voso nome e curso, por favor, non esquezades presentarvos! e despois...velaí van unhas ideas:
  • Un saúdo, como estades...
  • Poesía
  • Recoméndanos unha canción (nós procuraremos poñela)
  • Algo que fixerades que vos gustara ou algo que teñades ganas de facer.
  • Cantar unha canción ou insterpretar cos vosos instrumentos.
  • Ler parte dun libro ou conto ou facer unha recomendación.
  • Ideas de xogos ou manualidades para facer na casa (Eco-lóxica-mente)
  • Un consello para estos días.
  • Adiviñas, chistes, mini entrevistas...
  • Algo que vos gusta da biblio Xanela
  • ...
Esto son só unhas ideas pero usade o voso maxín, é un programa especial e admite case de todo (se funciona... ao mellor hai propostas máis guiadas no futuro...)

Por fa, procurade que as vosas cuñas para o programa sexan en lingua galega e escoitádeo antes de mandar para comprobar que se entende e se escoita aceptablemente ben.

Debes facernos chegar o arquivo de audio ao correo da biblio: bibliocarricarte@gmail.com ou ás mensaxes privadas do Insta (se precisades algún outro medio facédeo saber e artellamos máis). 

Ata o sábado 28 ou domingo 29 dávos tempo de pensar, gravar e enviar? Veña, vai, a ver se a inicio de semana podemos sacar o programa e escoitarnos todos e todas!

RESUMINDO:



Con este programa pretendemos conectarnos todos e todas desde os nosos fogares nos que nos toca estar coidándonos moito, vexamos como resulta.

Despedímonos mandándovos unha aperta enorme e agardando as vosas mensaxes para este especial de Radio Xanela na distancia.

Para rematar, Marcos, papá de Elba (5ºEI) e a través de Paula (nai de África (3ºEP) e Martiño (4ºEI) fixéronnos chegar está fermosísima e esperanzadora imaxe do noso cole ao que agardamos voltar pronto! Mil grazas!!!


Agardamos os vosos audios!
Coidádevos! TODO SAIRÁ BEN

16/03/20

Todo Sairá Ben

Ola!
Xa escoitáchedes o programa de radio? Que vos pareceu? Podedes contárnolo en comentarios! Para nós sodes todos e todas uns profesionais! 

Chegou o luns e chega unha nova proposta. Desde a caloriña do fogar queremos saber se coñecedes a iniciativa #DesdeAMiñaXanela (o nome séntanos xenial...) e #TodoSairáBen

Esta iniciativa xurdiu en Italia (que saibamos) e, xa que non podemos abandonar as casiñas un montón de xente comezou a crear cartaces con arcos da vella e a lenda TODO SAIRÁ BEN para alegrar á veciñanza.

Imaxe de PlazaMayor

Como se che ocorre facer o teu?
Tes pintura a man? Ou revistas vellas para facelo coma un collage en familia? Ou macarróns ou arroz para tinxir? Ceras? Xiz? Material de refugallo? Se todo o creativa/o que poidas e, se che apetece, colabora nesta iniciativa!

Gustaríanos crear unha imaxe colectiva cos vosos arcos da vella así que, se o facedes, facédenos chegar unha foto a bibliocarricarte@gmail.com ou por mensaxe directa ao noso instagram @biblioxanela

Veña, a ver cantos chegan ata o venres!

Coidádevos moitos, desfrutade o tempo en familia e a ver esos arcos da vella! Eu prometo facer o meu!

Porque DESDE A MIÑA XANELA informo: TODO SAIRÁ BEN!

Botámosvos de menos.

Saúdos! 😊

14/03/20

Novo programa de Radio Xanela!

Ola rapazada!

Como ides? Agardamos alegrar o voso día con este programa de radio recén saído do forno.

É un gusto enorme desfrutar de todo o que traballades na Radio Xanela, desta volta atoparedes unha sección na que falan de tres ilustres mulleres, tamén unha zona para lembranzas e conmemoracións, outra sobre literatura, sen esquecer as novas ou o proxecto Eco-lóxica-mente e todo fantásticamente dirixido polo alumnado de 5º.

Ademáis, no medio da sección de 6º atoparedes unha marabillosa sorpresa poética... Sabedes decir a que curso pertencen as crianzas que recitan á nosa Rosalía?? 

Si é que os recén chegados xa se dan unha maña cos micros que da gusto!!




Sabemos que estamos nuns días un pouco raros pero pedímosvos que permanezades atentos/as a este blogue (e se queredes tamén ao instagram da biblio) e claro á web do cole porque prometemos un montón de propostas, retos, ideas, recomendacións... e pediremos colaboración! tamén prometemos  escoita, comunicación...por favor, sintónizadenos e difundide! 💜

Mantédevos na casiña, sede moi bos e boas e coidádevos, pronto pasarán os días e voltarán os achuchóns, carreiras, risas, falcatruadas e aprendizaxes ás nosas aulas.

Noraboa por este pedazo de programa de radio, xa temos o seguinte en mente aínda que sexa a distancia así que... xa veredes será divertido!

Querémosvos moito!

04/02/20

Novo programa de Radio Xanela

Bo día, 
Arranca o ano coa publicación dun novo programa da Radio Xanela!


Desta volta os conductores/as do programa foron alumnos e alumnas de 6º de primaria que presentan seccións super interesantes como:

Donas De Si: unha xenuína sección na que visibilizar referentes femininas e que, nesta ocasión, foi desenvolvida dun xeito maxistral polo alumnado de 5º de primaria. Estás disposto/a a escoitar una conversa entre Marie Curie e Margarita Salas no "ceo" das mulleres científicas? Si? Pois moito máis que esto atoparás nesta sección, un traballazo incríble que non podes deixar de escoitar!

Eco-lóxica-mente: Por suposto non podía faltar unha sección adicada ao proxecto anual, nesta ocasión foi gravada por algúns alumnos/as de 3º de primaria e nela manteñen unha conversa na que nos contan como vai o proxecto na aula e no cole e as ideas xurdidas no seu particular cumio do clima. Bota unha orella!

Xanela de libros e artes: Alumnado de 2º de primaria trae nesta ocasión unha sección na que falan do seu traballo na aula sobre os bosques e atrévense a recitar uns marabillosos poemas de Manuel María!

Velaquí vai!



Pouco a pouco melloran as nosas creacións, intervencións e gravacións (é que procurar que non existan picos nos que vexamos a raia do volumen en vermello non é tan doado como semella...) así que agardamos que desfrutedes do noso novo programa!


Saúdos!