29/11/09

As cousas de Xanela

Ao mesmo tempo que medra o número de usuarios na nosa biblioteca tamén medran algunhas que outras cosiñas que axudan ao seu funcionamento. Por un lado temos un fantástico bolsillero para os marcadores e uns chalecos de axudantes cos que nos será moi fácil identificalos cando precisemos a súa axuda. Por outro lado, temos que agradecer que o supermercado Familia da Rúa Monte Alto nos doara un carriño para transportar os materiais pola biblioteca. Colocar os libros vai ser moito máis doado deste xeito!

25/11/09

Cadea humana pola Paz e a Non Violencia

Debido á forte chuvia, a organización decidiu suspender a actividade prevista para hoxe na que o noso centro ía participar. Quedamos á espera da notificación da nova data.

24/11/09

Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia


O noso centro participa mañá, mércores, na iniciativa da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia, organizada polo Concello. Formaremos unha cada humana ao longo de todo o paseo marítimo, entre a Torre de Hércules e o Millenium, xunto con moitos outros coles da cidade. No enlace atoparedes máis información sobre o tema.
Mañá é ademais o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Escolleuse este día porque foi a data na que as Irmás Mirabal foron asasinadas por orde do dictador Trujillo, na República Dominicana. Esta data tivo carácter oficial a partir do recoñecemento da ONU en 1999.
Ao redor destes dous temas, tan directamente relacionados, estamos traballando nas aulas. Buscade información polos enlaces. Tamén podedes utilizar nas clases a seguinte webquest elaborada polo CEIP San Walabonso de Huelva.
Outros enlaces con material:
www.baiona.org (Actividades para traballar na aula)
Páxina do Concello

16/11/09

Vaia festa!

O pasado venres a ANPA organizou a festa do magosto no colexio. Foi pola tarde e foron moitos os nenos e nenas que se achegaron cos seus papás e mamás para celebrar xuntos esta festa. Primeiro houbo un contacontos co que todo o mundo riu un montón e logo a festa continuou fóra mentres se comían as castañas. Houbo gaiteiros, pandereteiras... E todos bailamos ao son da súa música! Moitas felicidades á ANPA pola organización.
Ao longo de toda a semana tamén nas aulas estivemos traballando este tema e decorando as clases e os corredores.
Disfrutade das fotos.

11/11/09

... E os peóns saltaron ao camiño!!

Ou o que é o mesmo... Ao patio do noso colexio. Qué ben o pasamos! Esta mañá todo o alumnado e o profesorado baixou ao patio logo do tempo de recreo; alí cantamos a canción do Día do Péon, dúas nenas de 5º leron o manifesto escrito por Suso de Toro e... Comezou o baile! Primeiro por ciclos e logo todos xuntos fixemos bailar os peóns, buxainas, danzaricos, bailaretes... Habíaos de fabricación propia, traídos da casa e comprados especiamente para a ocasión. Os días previos estiveramos traballando nas aulas buscando información sobre este xogo popular. Noraboa ao Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística pola fantástica organización. Aquí tedes algunhas das fotos.

09/11/09

Polo San Martiño, peóns ao camiño!


O vindeiro 11 de novembro celebraremos no cole o Día do Peón seguindo a proposta que nos fai a Rede Galega do Xogo Tradicional, Brinquedia. Somos moitos coles en Galicia os que participamos nesta convocatoria e no noso caso xa é a segunda vez que o facemos. O curso pasado pasámolo estupendamente bailando as nosas buxainas no patio. Este curso temos preparadas unha chea de actividades: exposición de peóns, construcción de bailaretes, cantar a canción, ler o manifesto escrito por Suso de Toro... Nestes enlaces que vos deixo podedes atopar unha chea de información sobre o tema, vídeos, arquivos musicais, etc. Tamén podedes ir a este outro enlace de Vieiros

07/11/09

o noso blogue vai medrando

Fixádevos na barra da dereita porque hai moitos enlaces novos: xogos, prensa, recursos... No apartado "Para aprender xogando" tedes moitas actividades. Teredes que ir probando para averiguar cales vos van mellor segundo a vosa idade ou os vosos gustos. Se entrades no blogue dende a casa pedídelle axuda aos maiores e facédeo xuntos, pode ser moi divertido!
No apartado de "Recursos" tedes dicionarios, atlas, enciclopedias...
Este enlace que vos destaco aquí ten actividades sobre un montón de temas. Non lle perdades a pista!

05/11/09

Lectura nos recreos

Dende a semana pasada a nosa biblioteca xa funciona nos recreos e a verdade é que a cousa vai moi ben. Son xa un bo grupo de nenos e nenas as que se achegan á biblio para disfrutar dun tempo tranquilo de lectura, para consultar os blogues do cole ou para facer algún traballo en equipo. Os rapaces e rapazas de 6º están colaborando na organización e tamén o están facendo realmente ben: axudan aos máis pequenos, manteñen a orde, colocan os libros... Todos estamos aínda aprendendo unhas cantas normas de funcionamento:
  • Se queremos ir á biblioteca, imos directamente dende a clase.
  • Temos que merendar antes de entrar na biblioteca. Á entrada temos o "punto de merenda" supervisado polos colaboradores.
  • Cando entramos na biblioteca movémonos tranquilamente e falamos baixiño. Non olvidamos recoller o noso marcador.
  • Se queremos saír da biblioteca podémolo facer pero logo non poderemos volver subir a ela.
  • Cando remata o recreo facemos unha fila e os colaboradores diranos cando podemos ir para a clase.
  • Podemos estar nos ordenadores en turnos de 15 minutos.
Aquí vos deixo unhas fotos destes primeiros días.

03/11/09

Magosto na Coruña

O vindeiro sábado temos moitas posibilidades para o noso tempo de ocio. O concello celebra o Magosto na Coruña. Podemos empezar pola mañá no MACUF ás 12:00 do mediodía cun obradoiro de creación de zonchos e tallado de cabazas. Logo ás 13:00 horas, tamén no MACUF, poderemos compartir un tempo con Pepe Carreiro, o ilustrador dos Bolechas.
A quen non lle dea tempo a ir ao MACUF ou pense que lle quede moi lonxe, non vai ter excusa pola tarde porque ás 17:00 horas empeza a festa na Cidade Vella, na Praza de Azcárraga (antigamente chamada a Praza da Fariña). Tamén haberá tallado de cabazas, títeres, encontro con Pepe Carreiro... Ata un roteiro de calaveiras iluminadas polas rúas da Cidade Vella!!! Non volo podedes perder!
Máis información na axenda do Concello.
Aquí vos deixo a programación para esta fin de semana. Xa vedes que hai moitas máis cousas... E para toda a familia!
PROGRAMACIÓN ATÉ O SÁBADO