03/03/12

A SOPA QUEIMA

Ola a tod@s:
Como sabedes onte estivemos na Biblioteca Xanela escoitando ás nosas catro nenas de 1º: Uxía, Candela, Kalina e Nuria.
Elas contáronnos esta historia, que expresa os problemas que ten María cando ha de tomar o prato de sopa que a súa nai lle pon diante. A sopa está moi quente, a nai, como todas as nais, acostuma a servila a unha temperatura moi elevada...e, María quéimase. Como a sopa está tan quente, a nena non pode tomala e ante a persistencia da nai busca axuda dun rinoceronte, dun
morcego e dunhas formigas, ata conseguir arrefriala e poder rematala.
O libro que é de PABLO ALBO, está traducido ao galego e así o leron elas, e Isi, axudounas,porque estaban un pouco nerviosas, xa que neste curso era a primeira vez que lían na Xanela, sen embargo o fixeron de marabilla porque todo o público aplaudiulle moitíiiiiiisimo.
Ah! Botamos de menos ao noso habitual público de infantil que onte saíran de excursión.

01/03/12

A casa da mosca fosca por Breixo, Cristian e a colaboración espcial de Enrique

Como pasastes estes días? Pasástesvolo moi ben no entroido? Xa mo diredes nos vosos comentarios que me encanta lelos. Ben, quero dicirvos que hoxe imos felicitar tres rapaces do cole que se animaron a facer a lectura en voz alta do venres do libro titulado "A CASA DA MOSCA FOSCA". Queremos dicir que nos encantou ver e escoitar a Breixo e a Cristian de 3º lendo, e queremos agradecer moito, moito, a un rapaz maior, de 6º, Enrique, a súa colaboración, case improvisada, e que a todos nos gustou un montón.
Este conto trata dunha mosca fosca que farta de zumbar dun lugar a outro sen parar, decidiu facer unha casa e invitar os animais do bosque. Cociñou un rico pastel de amoras, colocou sete banquetas, sete pratos e unha mesa. E co aroma da torta, foron aparecendo, do máis pequeniño ao máis grande, sete estraños personaxes, que foron interpretados polos compañeiros de clases de Breixo e Cristian.Ao final aprendimos unha canción que cantamos todos xuntos.
Moitas felicidades de novo...

07/02/12

Antoni Tàpies, o artista catalán máis universal


Onte, 6 de febreiro, faleceu Antoni Tàpies aos 88 anos. Foi pintor, escultor e teórico da arte española e está considerado como un dos artistas máis importantes do século XX. Creou un estilo propio dentro da arte de vangarda do século XX no que se combinan a tradición e a innovación dentro dun estilo abstracto pero cheo de simbolismo.
A obra de Tàpies tivo unha gran valoración a nivel tanto nacional como internacional, estando exposta nos máis prestixiosos museos do mundo.
Neste vídeo podedes atopar unha breve reportaxe.
Pódese ampliar a información nos enlaces e na páxina da fundación Tàpies

01/02/12

Remata o mes de Xaneiro con Alba Mosquera, Andrea e Raquel










O último venres do mes de Xaneiro a lectura en voz alta estivo a cargo de tres rapazas de 4º de Primaria: Alba , Raquel e Andrea.


Estaban moi nerviosas aínda así fixérono moi ben. O libro que leron titulábase QUEN LEVOU A LUA.Trata dun lobo pequeño Kipá, o máis pequeno da manda, que quere ouvear como os lobos grandes; unha noite de lúa chea escapa á montaña e aspira tan forte que a lúa se desprende do ceo...O escritor chámase, Mario Catelli e conta unha divertida historia sobre aprendizaxes e descubrimentos da vida, que suxire que a sabedoría se adquire cos anos, así como a necesidade de gozar cada etapa.


A ilustradora deste conto chámase Madalena Matoso e fai uns debuxos moi coloridos e de trazo simple como o que vedes no inicio...a ver se vos animades a facer debuxos dos contos!!!


Carlota e Alba de Luz e a GUERRA DOS NÚMEROS


Carlota e Alba de Luz de 3º contáronnos unha historia moi divertida sobre o poder que ten o signo menos, sí, sí! ese que utilizamos para facer as restas...o libro é da editorial OQO e titúlase A GUERRA DOS NÚMEROS.


UN era un número moi pequeno e sempre estaba só e sentía envexa dos demais, que tan superiores lle parecían. Un día, o Rei Menos deulle os planos para construír unha arma terrible: o Signo MENOS.


Este conto escribiuno Juan Darién.
Temos que dicir que contamos cunha "especial colaboración" musical de alumn@s da clase de Marica, que nos dirixiron cantando a canción dos números que viña moi a conto con esta historia. Moitas grazas!

De volta con Ana e Aicha

Dende que chegamos das vacacións de Nadal, xa fixemos tres lecturas en voz alta na nosa querida Xanela.

O primeiro libro deste ano foi "MARABAJO", lido por Ana e Aïcha, as dúas de 6º de Primaria. O libro, escrito por Pablo Albo e ilustrado por Jesús Aguado, cóntanos unha historia pequena: a aventura, que corren un nutrido grupo de personaxes mariños ao redor dunha bota que, de pronto, apareceu no fondo do mar onde eles habitan. Ao fío desta historia trénzanse outras pequenas e grandes historias como a tráxica e diversa morte de 149.999 cangrexos, ou como a historia de amor de Decorosa, ou a aparición dunha fermosa perla transparente, ou a vida e morte dun salmonete que confundían cun sargo, ou a continua llantina dunha lura xigante pequena, ou a historia dos incansables ourizos, ou das gambas filósofas... Como podedes apreciar, un montón de historias que se mesturan e suman dando corpo a un libro estupendo, aínda que Aïcha e Ana leron soamente dúas historias.
En suma, un libriño breve, aparentemente sinxelo e moi entretido, que se le nun suspiro e no que cabe o bo humor, a poesía e a tinta de lura.Totalmente recomendable.

20/12/11

BO NADAL!


Disfrutemos das vacacións e carguemos as pilas para vir con forzas renovadas e aprender moito no novo ano!