Hoxe tivemos lectoras de luxo na biblioteca, Gala e Sofía. Ben se nota que xa son alumnas de 6º porque son todas unhas expertas nisto de preparar a posta en escea!
Os rapaces de 3º e 4º puideron disfrutar dunha marabillosa experiencia escoitando falar dos desexos dunha nena que quería con todas as súas forzas bailar coas nubes. Unha historia que nos fala de inquedanzas, do respecto... O libro titúlase "Bailar nas nubes", de Vanina Starkoff.
Os que non puidestes asistir podedes agora buscar o libro na nosa biblioteca e disfrutalo nas súas páxinas... Ou tal vez lles poidades pedir a Gala e Sofía que volo lean na clase... Eu probaría!
13/01/17
02/12/16
"A figueira de Pelostortos"
Leo, Enya, Helena, Xana e Elsa, de 3º de Primaria, foron os lectores da sesión de hoxe na biblioteca Xanela. Escolleron o título "A Figueira de Pelostortos" da autora Ana García Castaño e o ilustrador Mikel Mardones. Unha historia na que un home non quere compartir os seus figos con ninguén.
— Antes me leven as almas en pena
que darvos un figo da miña figueira!
Se queredes saber como se soluciona este problema e nos fostes dos afortunados en escoitar a lectura, aínda estades a tempo, non tedes máis que pedir o libro en Xanela.
25/11/16
25 de novembro, Día pola Eliminación da Violencia contra a Muller
Hoxe conmemórase o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Todos os medios de comunicación fanse eco desta data pero o importante é ser conscientes cada día de que todos somos iguais en dereitos. Para colaborar neste senso, Lucía Bedoya, Soraya, Noa Villaverde, Brais, Pablo Pérez e Carla, de 5º prepararon unha fantástica lectura dun libro titulado "Xela volveuse vampira!", de Fina Casalderrey. Os asistentes, o alumnado de 5º e 6º de Primaria, estiveron moi atentos a un grupo de nenos e nenas que estaba moi preocupado polo que lle pasaba á súa profe Xela; en algunhas pasaxes tivemos que manter a respiración!
A lectura foi estupenda e o grupo de lectores, co seu bo facer, aprendeunos un pouquiño máis deste tema tan complicado da violencia contra a muller.
Se queredes saber máis sobre esta data, navegade polos enlaces. Tamén podedes consultar antigas entradas do blogue (etiqueta "muller").
24/11/16
REPORTERO DOC chega á nosa biblioteca
Dende hai uns días podedes disfrutar na nosa biblioteca dunha nova revista: Reportero DOC. Nela atoparedes moitas reportaxes interesantes sobre diversos temas de actualidade.
Non deixedes de botarlle unha ollada!
Se non a atopades, preguntade aos axudantes Xanela. Eles saberán informarvos.
23/11/16
Primeira tertulia literaria
Esta mañá os nenos e nenas de 5º nivel celebraron a súa primeira tertulia literaria deste curso. Levaban varias semanas lendo a obra "Bala Perdida" de Manuel Rivas e hoxe chegou o día de comentar a lectura entre todos: comentaron se lles gustou, por que, que partes lles gustaron máis ou menos, leron fragmentos que lles resultaran especialmente interesantes, falaron do argumento... En fin, unha chea de cousas sobre esta fantástica novela de Rivas ambientada en Atlán, no Reino de Galicia, na que un grupo de piratas, ao abordar un barco alemán, descobren un tesouro incrible. Pero o tesouro agocha un terrible segredo e para atopar unha solución contarán coa axuda de Ganso Salvaxe.
A sesión resultou moi interesante aínda que quedaron moitas cousas por falar e investigar. Seguiremos informando!
Queres sabes máis da historia? Pois lendo o libro descubrirás moitas máis cousas. Atoparalo na nosa biblioteca!
07/11/16
Os Museos Científicos Coruñeses, de portas abertas!
Universidades e institucións de todo o mundo celebran estes días a Semana Internacional da Ciencia e a Paz, proclamada en 1988 por Nacións Unidas, e seguindo esta estela os Museos Científicos Coruñeses abren as súas portas durante toda a semana de forma gratuíta para que todos poidamos coñecer os seus contidos, exposicións temporais e propostas interactivas de divulgación.
A Domus, a Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae son os tres centros que se suman á iniciativa.
Animádevos a visitalos en familia!
E non deixedes de contarlle a Lusca a vosa experiencia!
3, 2, 1... Comezamos as lecturas!
O pasado venres comezou unha das nosas actividades máis queridas e antiguas: a lectura en voz alta.
As encargadas de facer os honores nesta primeira sesión foron dúas alumnas de 5º curso: Lucía Bedoya e Carmen Morandeira. Leron para o alumnado de 1º e 2º de Primaria.
O libro escollido para a ocasión foi "O paraugas amarelo", un conto que nos fala do valor da diferencia e que lle dá máis importancia á creatividade que ás rutinas impostas.
Noraboa ás lectoras polo seu bo traballo!
As encargadas de facer os honores nesta primeira sesión foron dúas alumnas de 5º curso: Lucía Bedoya e Carmen Morandeira. Leron para o alumnado de 1º e 2º de Primaria.
O libro escollido para a ocasión foi "O paraugas amarelo", un conto que nos fala do valor da diferencia e que lle dá máis importancia á creatividade que ás rutinas impostas.
Noraboa ás lectoras polo seu bo traballo!
E a vós... Que vos pareceu?
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)








