12/03/19

Cando os de 6º liberaron o antídoto contra a desigualdade. O "escape-room" feminista

A rapazada de sexo recibiu unha misteriosa mensaxe:

"Secuestraron a unha persoa, a persoa que pode liberar o antídoto contra a desigualdade! Seredes quen de superar todos os retos e lograr este antídoto? Precisámosvos!"

A mensaxe viña acompañada deste video:




Resultou que cada equipo comezou nun punto e tiveron que ir superando retos diversos había probas coma: 

  • Liña do tempo: Cada equipo nalgún momento recibiu 5 ou 6 uns tarxetóns con imaxe título e datos para crear unha liña do tempo sobre mulleres e movemento pola igualdade, se averiguaban as datas e poñían a liña en orde atoparían un número de tres cifras co que abrir un candado e atopar un novo reto


  • Test mitos do amor romántico: Todos os equipos, nalgunha das fases atoparon un test de verdadeiro ou falso con frases relativas ás relacións sás, estereotipos de xénero e mitos do amor romántico. Unha vez respostado verdadeiro ou falso tiñan unha indicación, cada resposta verdadeira valía 2 puntos e cada falsa 1, ao sumar obtiñan unha cifra que era a chave de acceso a unha web... o misterio continuaba

  • Quen ves sendo? Nunha dirección web á que accedían cada equipo podía ver unha fotografía distinta e 3 pistas coas cales debían procurar na rede o nome desa muller e atopáronas, foron Lynn Margulis, Lise Meitner, Emma Watson, Chimamanda Ngozi e Kathrine Switzer!, unha vez atopado o nome tiveron que introducilo como chave de acceso a outra páxina que daba a seguinte pista ou reto.


  • Andeis coeducativos: Pero é que tamén tiveron que seguir dándolle ao inxenio e nalgún dos puntos recibiron  unha pista coa cal debían atopar a que libro nos referiamos, todos eles dispostos nos novos andeis coeducativos da biblioteca do cole, atopado o libro, dentro deste, estaba a nova pista ou proba.


  • Creación: Todos os equipos tiveron un reto de creación, unha vez que o atopaban debían elaboralo e ensinarmo a min. Uns tiveron que crear o "Doodle" de Google para o 8 de marzo, outros un anuncio publicitario para fomentar o préstamo de obras dos andeis coeducativos, outros crear unha estrofas de regueifa sobre o antídoto que buscan, outros crear uns Haikus e outros, empregando libros do espurgo e recortando palabras crear unha breve narración ou poema relativa ao tema.  Uf, por momentos semellaba que o antídoto estaba moi lonxe!


  • Alianza de equipos: Se ben os equipos chegaban ás outras probas en diferente orde e momento, esta proba era a última para todos e nela suxeríase que se aliaran. Uns equipos tiveron que aliarse para, coas liñas de tempo parciais de todos os equipos formar a liña do tempo completa (ao ordenala tiñan unha secuencia de frechas que abría un candado direccional e outra de números que abría un "dixital") Outros equipos tiñan que completar unha encrucillada coa axuda dos outros equipos ao precisar os nomes das mulleres da proba "Quen ves sendo?" esas encrucilladas tiñan unhas casiñas sinaladas cun código e ao final da páxina outro código escrito que os levaba a distintos lugares (unha pizarra na que atoparon un código de 3 cifras para un candado, un armario no que atoparon unha chave pegada baixo unha balda, etc.)  Todos estos candados finais cerraban a última chave,  a que abría o "cofre" do antídoto que estivera no medio da aula durante toda a sesión, así que para liberar a chave todos os equipos tiñan que superar os seus retos.

Por fin! Unha vez superados todos os retos e conseguida a chave final dirixíronse ansiosos e ansiosas cara a urna do antídoto alí atoparon:
  • Unha mensaxe escrita: "Noraboa! Que? Que non hai antídoto, mirade ben ao espello..."
  • Un espello: No espello estaba a inscripción "O antídoto sodes vós"
  • Un montón de doces (xa, xa sei que non é moi saudábel nin pedagóxico supoño...)
  • Unha caixiña metálica (mais espello...): Ao abrila tiñan a mensaxe máis estendida e uns "amuletos contra a desigualdade" cos que agardamos que sempre lembren que elas e eles son o antídoto e que tamén recorden con agarimo a experiencia na que tiveron que esforzarse, cooperar, aliarse, pensar, crear,...
Na seguinte sesión despois da experiencia fixemos a posta en común e tratamos tamén aspectos de probas ás que tiveron que adicar máis tempo do esperado (por exemplo, nunha tan sinxela coma o test dos mitos do amor romántico houbo bastante discusión (moi sá e enriquecedora por unha parte) así que ofertei alternativas onde poder informarse máis sobre este tema, falamos tamén dos aprendizaxes, do significado das tarefa e probas, das dificultades, das sensacións que produciron e tamén, por suposto, do significado do antídoto.

Ademáis, cada un/ha recibiu un post-it no que escribir algunha impresión (anónima ou asinada) que despois dispuxemos nun taboleiro.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Aproveita esta xanela e cóntanos algo!