26/10/10

I CONCURSO DE LECTURA EN VOZ ALTA "LER E ESCOITAR"

Hoxe a nosa biblioteca vestiuse de festa! Nunca tantos contos se leron nun mesmo día, nin tantos lectores houbo ao mesmo tempo! Hoxe celebramos a primeira fase do I concurso de lectura en voz alta convocado pola Consellería. A participación foi estupenda! Un total de 24 rapaces e rapazas de terceiro ciclo de primaria concursaron nas dúas modalidades, individual e grupo. Levaban días preparando as súas lecturas e notouse. Asistiron como público os compañeiros e compañeiras de 3º,4º, 5º e 6º e tamén eles o fixeron xenial.
A xornada foi moi especial e pensamos que o balance é totalmente positivo. Agora só queda que o xurado decida quen son os gañadores! Estade atentos!

22/10/10

COMEZAMOS A LECTURA EN VOZ ALTA!

Un ano máis comezamos a "tempada" de lectura en voz alta. Xa imos polo 4º ano e segue a ter o mesmo éxito de sempre. Son moitos xa os nenos e nenas que solicitaron participar nesta actividade. Temos o calendario completo para todo o primeiro trimestre! Tede un pouquiño de paciencia e mentres esperades podedes disfrutar tamén asistindo como público e ademais así seguro que colledes boas ideas.
Hoxe foron Ainhoa, Cristian e Laura de 4º curso os que nos fixeron disfrutar coa lectura de "Amores de gato e rato". Como xa vén sendo habitual tamén trouxeron debuxos feitos por eles dos personaxes do conto. A semana que vén máis!



Por certo, que andamos moi atarefados polo centro porque o alumnado de terceiro ciclo anda a preparar a súa participación no I Concurso de Lectura en Voz Alta. O martes celebramos no cole a primeira fase. Estade atentos!

21/10/10

OUTRO BLOGUE NO COLE!


A comunidade dixital vai medrando no noso cole. Agora son os alumnos e alumnas de 1º coa súa profe, María, os que se animan a participar na blogosfera. Preséntanos a Pulpito, a súa mascota, coa que percorrerán o fondo mariño. Seguro que aprendemos con eles un montón de cousas! Picade na imaxe para ver o blogue.

19/10/10

Recollemos o premio!




O pasado venres estiven en Madrid, invitada pola Fundación Telefónica para recoller o premio do XI Certame Educared. Recordade que un grupo de alumnos e alumnas de 6º do curso pasado elaboraron unha wiki sobre a contorna da Torre de Hércules pola que obtiveron o segundo premio do Certame.
O venres os docentes galardonados asistimos a varias sesións de formación sobre o uso de novas tecnoloxías e tamén participamos na gala de entrega de premios.

Hoxe sae a noticia tanto na Voz de Galicia como na Opinión de A Coruña. Picade nas imaxes para lelas.
Aquí vos deixo tamén o vídeo de presentación da gala,

Outros materiais (fotos, montaxes...) compartidos por asistentes á gala:
presentación collage
fotos
Máis fotos

20/09/10

A MAXIA CHEGOU AO NOSO COLE!

Esta mañá contamos no cole cunha actuación estupenda. Durante case unha hora estivemos a disfrutar da maxia da man de MYSTER YURGEN E FLORETTE, que chegaron directamente de Francia para facernos rir e asombrarnos con todo o que facían aparecer e desaparecer no escenario do noso Salón de Actos.



A actividade foi promovida pola Concellaría de Cultura de A Coruña e enmárcase dentro da Semana Internacional do ilusionismo que se celebra na nosa cidade dende o 18 ata o 26 de setembro.

Aquí podedes consultar a programación para ir coas vosas familias. Non lle perdades a pista!

Tamén podedes participar nos obradoiros de iniciación á arte da maxia que se celebran nas bibliotecas municipais e na Fundación Caixa Galicia. Só tedes que inscribirvos!

Aquí vos deixo unha foto do momento

05/05/10

LETRAS GALEGAS 2010. UXÍO NOVONEYRA



Xa estamos no mes das Letras Galegas e a actividade séntese por todos os corredores do noso colexio. Todas as clase andamos a investigar a figura de Uxío Novoneyra, poeta homenaxeado este ano, e lendo as súas poesías. Uxío Novoneyra naceu ademais nunha terra preciosa, O Caurel, feito que podemos aproveitar para investigar tamén unha das zonas máis impresionantes da nosa Galicia. Moitos son os centros e organismos que levan meses preparando actividades sobre o autor e que deberemos consultar para ampliar información ou, simplemente, para disfrutar lendo. Tedes os enlaces nesta mesma entrada. Moitas grazas a todos eles por compartir o seu traballo.
Letras Galegas. Historia (Vieiros)
Páxina web do autor
A Serra do Courel
Uxío Novoneyra. Liña do tempo
Uxío Novoneyra. (Real Academia Galega)
Páxina de recursos do Seminario Galán.
Vídeos e outro material didáctico (Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística)
"Gorgorín e Cabezón" (Unidade didáctica)
Unha chea de recursos (CEIP Friáns-Teis)
Webquest 3º ciclo (CEIP de Andrade)
Recompilación de actividades por ciclos (Biblioteca do CEIP de Malpica)
Blog sobre o autor (elaborado por un grupo de alumnos de 1º BAC)

23/04/10

FANTÁSTICO DÍA DO LIBRO!

Que ben o pasamos hoxe e cantas cousas aprendimos! Todo o colexio estivo en movemento esta mañá! Foi deses días que che gustaría que se repetisen unha morea de veces.
Xa sabedes que lle adicabamos o Día do Libro á figura de Rosalía de Castro porque se cumplían 125 anos dende o seu pasamento. Todas as aulas fixeron un traballo espléndido: murais, recital de poesías, dramatizacións, xogo da oca, unha web para a nosa intranet, cancións, un xogo de relacionar... E todas esas cousas as presentamos hoxe na Biblioteca do cole ou nas aulas. Todos pasamos por todas partes! O máis bonito foi ver a mestura de niveis e cómo os maiores axudaban aos más pequenos a resolver os misterios... Ou ao revés! E hai que ver todo o que aprendimos sobre Rosalía!
Tamén fixemos unha chea de fotos. Aquí vos deixamos unha mostra! Nos vindeiros días colgaremos máis no álbum. Estade atentos!