12/03/19

Cando os de 6º liberaron o antídoto contra a desigualdade. O "escape-room" feminista

A rapazada de sexo recibiu unha misteriosa mensaxe:

"Secuestraron a unha persoa, a persoa que pode liberar o antídoto contra a desigualdade! Seredes quen de superar todos os retos e lograr este antídoto? Precisámosvos!"

A mensaxe viña acompañada deste video:




Resultou que cada equipo comezou nun punto e tiveron que ir superando retos diversos había probas coma: 

  • Liña do tempo: Cada equipo nalgún momento recibiu 5 ou 6 uns tarxetóns con imaxe título e datos para crear unha liña do tempo sobre mulleres e movemento pola igualdade, se averiguaban as datas e poñían a liña en orde atoparían un número de tres cifras co que abrir un candado e atopar un novo reto


  • Test mitos do amor romántico: Todos os equipos, nalgunha das fases atoparon un test de verdadeiro ou falso con frases relativas ás relacións sás, estereotipos de xénero e mitos do amor romántico. Unha vez respostado verdadeiro ou falso tiñan unha indicación, cada resposta verdadeira valía 2 puntos e cada falsa 1, ao sumar obtiñan unha cifra que era a chave de acceso a unha web... o misterio continuaba

  • Quen ves sendo? Nunha dirección web á que accedían cada equipo podía ver unha fotografía distinta e 3 pistas coas cales debían procurar na rede o nome desa muller e atopáronas, foron Lynn Margulis, Lise Meitner, Emma Watson, Chimamanda Ngozi e Kathrine Switzer!, unha vez atopado o nome tiveron que introducilo como chave de acceso a outra páxina que daba a seguinte pista ou reto.


  • Andeis coeducativos: Pero é que tamén tiveron que seguir dándolle ao inxenio e nalgún dos puntos recibiron  unha pista coa cal debían atopar a que libro nos referiamos, todos eles dispostos nos novos andeis coeducativos da biblioteca do cole, atopado o libro, dentro deste, estaba a nova pista ou proba.


  • Creación: Todos os equipos tiveron un reto de creación, unha vez que o atopaban debían elaboralo e ensinarmo a min. Uns tiveron que crear o "Doodle" de Google para o 8 de marzo, outros un anuncio publicitario para fomentar o préstamo de obras dos andeis coeducativos, outros crear unha estrofas de regueifa sobre o antídoto que buscan, outros crear uns Haikus e outros, empregando libros do espurgo e recortando palabras crear unha breve narración ou poema relativa ao tema.  Uf, por momentos semellaba que o antídoto estaba moi lonxe!


  • Alianza de equipos: Se ben os equipos chegaban ás outras probas en diferente orde e momento, esta proba era a última para todos e nela suxeríase que se aliaran. Uns equipos tiveron que aliarse para, coas liñas de tempo parciais de todos os equipos formar a liña do tempo completa (ao ordenala tiñan unha secuencia de frechas que abría un candado direccional e outra de números que abría un "dixital") Outros equipos tiñan que completar unha encrucillada coa axuda dos outros equipos ao precisar os nomes das mulleres da proba "Quen ves sendo?" esas encrucilladas tiñan unhas casiñas sinaladas cun código e ao final da páxina outro código escrito que os levaba a distintos lugares (unha pizarra na que atoparon un código de 3 cifras para un candado, un armario no que atoparon unha chave pegada baixo unha balda, etc.)  Todos estos candados finais cerraban a última chave,  a que abría o "cofre" do antídoto que estivera no medio da aula durante toda a sesión, así que para liberar a chave todos os equipos tiñan que superar os seus retos.

Por fin! Unha vez superados todos os retos e conseguida a chave final dirixíronse ansiosos e ansiosas cara a urna do antídoto alí atoparon:
  • Unha mensaxe escrita: "Noraboa! Que? Que non hai antídoto, mirade ben ao espello..."
  • Un espello: No espello estaba a inscripción "O antídoto sodes vós"
  • Un montón de doces (xa, xa sei que non é moi saudábel nin pedagóxico supoño...)
  • Unha caixiña metálica (mais espello...): Ao abrila tiñan a mensaxe máis estendida e uns "amuletos contra a desigualdade" cos que agardamos que sempre lembren que elas e eles son o antídoto e que tamén recorden con agarimo a experiencia na que tiveron que esforzarse, cooperar, aliarse, pensar, crear,...
Na seguinte sesión despois da experiencia fixemos a posta en común e tratamos tamén aspectos de probas ás que tiveron que adicar máis tempo do esperado (por exemplo, nunha tan sinxela coma o test dos mitos do amor romántico houbo bastante discusión (moi sá e enriquecedora por unha parte) así que ofertei alternativas onde poder informarse máis sobre este tema, falamos tamén dos aprendizaxes, do significado das tarefa e probas, das dificultades, das sensacións que produciron e tamén, por suposto, do significado do antídoto.

Ademáis, cada un/ha recibiu un post-it no que escribir algunha impresión (anónima ou asinada) que despois dispuxemos nun taboleiro.




07/02/19

Andeis coeducativos


Na parte da entrada da biblio, á esquerda, podedes observar un indicador que pon: 

ANDEIS COEDUCATIVOS



Alí atoparedes unha selección de libros e contos apaixoantes e cheos de valores de igualdade, inclusión, autoconcepto e ruptura de estereotipos de xénero.


Ademáis, todos os libros con estas características están sendo marcados cun identificador circular de cor morada no lombo para a súa sinxela localización!

Animámosvos a visitar estos andeis cheos de novidades e fermosas obras!


 


 A Xanela é un espazo de liberdade, crecemento, aprendizaxe, e tamén un lugar cheo de diversión, ocio, curiosidade, arte...

Agardamos que esteades a desfrutar de todas as novidades!

04/02/19

Biblioteca de Montealto

Distintos cursos están a realizar as súas visitas a outra biblioteca:

A biblioteca de Montealto.

Nela sempre teñen aventuras incríbles que vivir; actividades xenialmente preparadas para eles que desfrutamos un montón.

O grupo de segundo, por exemplo, descubriu que algunha bibliotecaria pensaba que os contos nos que aparecía o Lobo Feroz non podían estar na sección infantil, porque o lobo feroz sembre estaba armando leria, asustando...é que... menuda fama ten o lobo, pero outras bibliotecarias non pensaban coma ela!

Así que xuntos buscaron contos nos que saíra o lobo e... resulta que en moitos era un lobo moi bo!

Tiveron que debatir e armarlle un xuízo ao lobo e o grupo sentenciou:


O Lobo Feroz é membro de pleno dereito da Biblioteca de Montealto, e poderá andar en liberdade pola sección infantil e xuvenil!


Tamén crearon o seu propio conto, descubriron ilustradores e ilustradoras de historias e escolleron libros para levar ao cole... Xenial!

28/01/19

Lecturas interniveis: Menudo éxito!

As lecturas interniveis están tendo un éxito rotundo!


Unha vez máis os distintos grupos lectores demostran creatividade, autonomía, colaboración, responsabilidade... unha actitude de 10! e todas e todos estamos disfrutando cada lectura moitísimo.



Ademáis temos lectores/as de todos os cursos que preparan interpretacións maxistrais con actores e actrices, narracións traballadas, cartaces, atrezzo... un luxo!



Tanto é o éxito que temos un montón de peticións aínda sen darlles data e todo cuberto ata marzo, grazas a todos por este entusiasmo! 

15/01/19

Novidades!!

Boas lectores e lectoras!!

Polo espazo sinalado coma NOVIDADES pasarán moitos libros recén incorporados aos fondos da biblioteca antes de pesar ao seu posto (segundo a CDU e a orde alfabética, desto saben moito xa os e as axudantes... ;) ).

Dirixídevos a esa zona se queredes descubrir novos relatos, cómics, contos, historias, biografías...

Estos libros están desexando que sexas o primeiro/a en abrir as súas páxinas e descubrir o que teñen que contar así que non esquezas pasar por esa sección nas túas visitas á Xanela!


(Lembra que tamén podes suxerir libros na caixa do correo adicada a tal fin!)


07/01/19

O reto de Lusca

Xa sabes que é o reto de Lusca?

Cada certo tempo, Lusca, a mascota da Biblioteca Xanela deixa un reto pendurado nun cartaz, a carón dunha caixa de correo.

Pode ser unha pregunta, un enigma, unha adiviña... este reto está disposto para que todos aqueles valentes que desexen darlle resposta a introduzan na caixa do correo... aos poucos días Lusca desvela a verdade.

Da a solución ao reto e publica os nomes e cursos de todos aqueles alumnos e alumnas que resolveron de xeito acertado, puidendo darlles unha pequena recompensa que poden recoller na biblio.

Lusca xa preguntou porqué o 24 de outubro era o día das Bibliotecas, tamén a que conto pertencía un pequeno parágrafo, ou a autora dunha famosa saga de libros... 

Lusca está moi orgullosa de ter coma usuarios da biblio a rapaces e rapazas tan curiosos, tan activos na busca de respostas e que participan tanto no reto...

Na marxe dereita deste blogue irás atopando os sucesivos enigmas... anímaste a resolvelos?


30/10/18

O Samaín na Xanela

E chegou o Samaín, esta celebración tivo, como non, o seu centro neurálxico na biblioteca Xanela!

Nela organizamos unhas xornadas cheas de obradoiros por recunchos para todos os niveis ademáis de lecturas compartidas con temática "samainesca", foi unha semana entretida!


Os recunchos, adaptados para os niveis, tiveron:
Xogos de mesa coma o Dobble  e o memory de Samaín, e tamén o fabuloso "A noite do meigallo".



Espazo para a creatividade e o desenvolvemento artístico no obradoiro de decoracións e de máscaras.

Un recuncho de lectura cunha extensa selección de libros e contos "de medo"

Tamén un recanto no que, tras ler e ver a historia de "Como mola a túa vasoira" puidemos deseñar a nosa vasoira ideal con todos os seus complementos.


E outro espazo para a escritura creativa onde se elaboraron contos, narracións, cartas, currículums, historias a partir de dados, receitas, etc. cargadas de orixinalidade!


Foron 3 días intensos para que todos os grupos puideran disfrutar das actividades que estaban preparadas mais cremos que todas desfrutamos un motón! 


Feliz Samaín!!!