28/04/19

Xerras de esencias literarias

Seguimos coas actividades de biblioteca e desta volta.... 

Podedes resumir un libro nun tarro? Sacar dunha historia só a súa esencia para que sexa recoñecible? En un traballo de síntese e creatividade e... agardamos moito de todas e todos vos!


Xa están chegando un montón de xerras con esencias literarias! Agardamos ensinarvos máis. Grazas por participar!


25/04/19

Maratón de lectura

Primeiro de todo queremos agradecer a todas as nais, pais, tíos, tías, avós, avoas e demáis familia que se prestaron a colaborar na nosa maratón de lectura!

Ao coincidir este ano o día do libro co regreso das vacacións optamos por facer unha super maratón de dúas xornadas!

Ao longo da mañá do mércores 24 o alumnado de 4º e 5º de infantil así coma o de 2º, 4º e 6º de primaria puido escoitar, en quendas distintas historias como "A figueira de pelos tortos", "A máscara do león" ou "Malena Ballena" así coma unha historia en inglés, un poema de Lorca... un pouco de todo.

Na mañá do xoves foi o turno de 6º de infantil e 1º, 3º e 5º de primaria e desfrutamos de historias como "Os outros feirantes"ou "Simone de Beauvoir".



É unha pracer recibir ás familias na nosa Xanela e desfrutar compartindo tempo, lectura e atención.



Moitas grazas a todos e todas por "semanas" do libro tan especiais.


01/04/19

En abril, lecturas mil.

Chegou abril, xa está aquí!
Abril ten un día do libro infantil e xuvenil (o 2), tamén un día do libro (23), e ademáis logo ven o maio, mes das letras... a Xanela nunca para!

Só fai falla ver como está o calendario de lecturas interniveis! Houbo que pechar inscripcións un tempo debido á longa lista de agarda e iso non pode máis que facernos sentir cheos de orgullo!



Por cada grado de autonomía e autoxestión que asumides na preparación de lecturas.
Por cada crecemento en traballo de equipo e colaboración que demostrades.
Por cada mostra de responsabilidade e saber facer.
Por cada imaxe de entusiasmo e paixón na tarefa.
Por cada momento de documentación, preaparación, ensaio...
Por toda a xenerosidade que demostrades ao seleccionar e preparar as lecturas para outros grupos, compañeiros/as, público sempre esixente.
Por cada vez que demostrades como as vosas dotes narrativas e exposicións orais crecen en calidade.

Por todo isto e moito máis, desde a a XANELA non podemos máis que darvos a noraboa e as grazas!

12/03/19

Cando os de 6º liberaron o antídoto contra a desigualdade. O "escape-room" feminista

A rapazada de sexo recibiu unha misteriosa mensaxe:

"Secuestraron a unha persoa, a persoa que pode liberar o antídoto contra a desigualdade! Seredes quen de superar todos os retos e lograr este antídoto? Precisámosvos!"

A mensaxe viña acompañada deste video:




Resultou que cada equipo comezou nun punto e tiveron que ir superando retos diversos había probas coma: 

  • Liña do tempo: Cada equipo nalgún momento recibiu 5 ou 6 uns tarxetóns con imaxe título e datos para crear unha liña do tempo sobre mulleres e movemento pola igualdade, se averiguaban as datas e poñían a liña en orde atoparían un número de tres cifras co que abrir un candado e atopar un novo reto


  • Test mitos do amor romántico: Todos os equipos, nalgunha das fases atoparon un test de verdadeiro ou falso con frases relativas ás relacións sás, estereotipos de xénero e mitos do amor romántico. Unha vez respostado verdadeiro ou falso tiñan unha indicación, cada resposta verdadeira valía 2 puntos e cada falsa 1, ao sumar obtiñan unha cifra que era a chave de acceso a unha web... o misterio continuaba

  • Quen ves sendo? Nunha dirección web á que accedían cada equipo podía ver unha fotografía distinta e 3 pistas coas cales debían procurar na rede o nome desa muller e atopáronas, foron Lynn Margulis, Lise Meitner, Emma Watson, Chimamanda Ngozi e Kathrine Switzer!, unha vez atopado o nome tiveron que introducilo como chave de acceso a outra páxina que daba a seguinte pista ou reto.


  • Andeis coeducativos: Pero é que tamén tiveron que seguir dándolle ao inxenio e nalgún dos puntos recibiron  unha pista coa cal debían atopar a que libro nos referiamos, todos eles dispostos nos novos andeis coeducativos da biblioteca do cole, atopado o libro, dentro deste, estaba a nova pista ou proba.


  • Creación: Todos os equipos tiveron un reto de creación, unha vez que o atopaban debían elaboralo e ensinarmo a min. Uns tiveron que crear o "Doodle" de Google para o 8 de marzo, outros un anuncio publicitario para fomentar o préstamo de obras dos andeis coeducativos, outros crear unha estrofas de regueifa sobre o antídoto que buscan, outros crear uns Haikus e outros, empregando libros do espurgo e recortando palabras crear unha breve narración ou poema relativa ao tema.  Uf, por momentos semellaba que o antídoto estaba moi lonxe!


  • Alianza de equipos: Se ben os equipos chegaban ás outras probas en diferente orde e momento, esta proba era a última para todos e nela suxeríase que se aliaran. Uns equipos tiveron que aliarse para, coas liñas de tempo parciais de todos os equipos formar a liña do tempo completa (ao ordenala tiñan unha secuencia de frechas que abría un candado direccional e outra de números que abría un "dixital") Outros equipos tiñan que completar unha encrucillada coa axuda dos outros equipos ao precisar os nomes das mulleres da proba "Quen ves sendo?" esas encrucilladas tiñan unhas casiñas sinaladas cun código e ao final da páxina outro código escrito que os levaba a distintos lugares (unha pizarra na que atoparon un código de 3 cifras para un candado, un armario no que atoparon unha chave pegada baixo unha balda, etc.)  Todos estos candados finais cerraban a última chave,  a que abría o "cofre" do antídoto que estivera no medio da aula durante toda a sesión, así que para liberar a chave todos os equipos tiñan que superar os seus retos.

Por fin! Unha vez superados todos os retos e conseguida a chave final dirixíronse ansiosos e ansiosas cara a urna do antídoto alí atoparon:
  • Unha mensaxe escrita: "Noraboa! Que? Que non hai antídoto, mirade ben ao espello..."
  • Un espello: No espello estaba a inscripción "O antídoto sodes vós"
  • Un montón de doces (xa, xa sei que non é moi saudábel nin pedagóxico supoño...)
  • Unha caixiña metálica (mais espello...): Ao abrila tiñan a mensaxe máis estendida e uns "amuletos contra a desigualdade" cos que agardamos que sempre lembren que elas e eles son o antídoto e que tamén recorden con agarimo a experiencia na que tiveron que esforzarse, cooperar, aliarse, pensar, crear,...
Na seguinte sesión despois da experiencia fixemos a posta en común e tratamos tamén aspectos de probas ás que tiveron que adicar máis tempo do esperado (por exemplo, nunha tan sinxela coma o test dos mitos do amor romántico houbo bastante discusión (moi sá e enriquecedora por unha parte) así que ofertei alternativas onde poder informarse máis sobre este tema, falamos tamén dos aprendizaxes, do significado das tarefa e probas, das dificultades, das sensacións que produciron e tamén, por suposto, do significado do antídoto.

Ademáis, cada un/ha recibiu un post-it no que escribir algunha impresión (anónima ou asinada) que despois dispuxemos nun taboleiro.




07/02/19

Andeis coeducativos


Na parte da entrada da biblio, á esquerda, podedes observar un indicador que pon: 

ANDEIS COEDUCATIVOS



Alí atoparedes unha selección de libros e contos apaixoantes e cheos de valores de igualdade, inclusión, autoconcepto e ruptura de estereotipos de xénero.


Ademáis, todos os libros con estas características están sendo marcados cun identificador circular de cor morada no lombo para a súa sinxela localización!

Animámosvos a visitar estos andeis cheos de novidades e fermosas obras!


 


 A Xanela é un espazo de liberdade, crecemento, aprendizaxe, e tamén un lugar cheo de diversión, ocio, curiosidade, arte...

Agardamos que esteades a desfrutar de todas as novidades!

04/02/19

Biblioteca de Montealto

Distintos cursos están a realizar as súas visitas a outra biblioteca:

A biblioteca de Montealto.

Nela sempre teñen aventuras incríbles que vivir; actividades xenialmente preparadas para eles que desfrutamos un montón.

O grupo de segundo, por exemplo, descubriu que algunha bibliotecaria pensaba que os contos nos que aparecía o Lobo Feroz non podían estar na sección infantil, porque o lobo feroz sembre estaba armando leria, asustando...é que... menuda fama ten o lobo, pero outras bibliotecarias non pensaban coma ela!

Así que xuntos buscaron contos nos que saíra o lobo e... resulta que en moitos era un lobo moi bo!

Tiveron que debatir e armarlle un xuízo ao lobo e o grupo sentenciou:


O Lobo Feroz é membro de pleno dereito da Biblioteca de Montealto, e poderá andar en liberdade pola sección infantil e xuvenil!


Tamén crearon o seu propio conto, descubriron ilustradores e ilustradoras de historias e escolleron libros para levar ao cole... Xenial!

28/01/19

Lecturas interniveis: Menudo éxito!

As lecturas interniveis están tendo un éxito rotundo!


Unha vez máis os distintos grupos lectores demostran creatividade, autonomía, colaboración, responsabilidade... unha actitude de 10! e todas e todos estamos disfrutando cada lectura moitísimo.



Ademáis temos lectores/as de todos os cursos que preparan interpretacións maxistrais con actores e actrices, narracións traballadas, cartaces, atrezzo... un luxo!



Tanto é o éxito que temos un montón de peticións aínda sen darlles data e todo cuberto ata marzo, grazas a todos por este entusiasmo!